Os adxudicatarios das 18 vivendas de protección autonómica rehabilitadas polo CCVV coñeceron hoxe o seu piso asignado
- A presidenta do organismo, María José Bravo Bosch, presidiu esta mañá unha reunión cos adxudicatarios das vivendas sorteadas o pasado 2 de xullo polo IGVS e que hoxe participaron nun novo sorteo de asignación para coñecer o piso concreto que lles tocou.
-
Os adxudicatarios, que recibiron xa a notificación da resolución por parte do CCVV, teñen agora un prazo de 45 días para formalizar as súas hipotecas e rematar logo o proceso coa entrega de chaves.
-
As 18 VPA pertencen as tres promocións situadas nas rúas San Sebastián 8-12-14, Ferrería 11-13-15-17-San Sebastián 1-3-5-7 e Hortas 10-12.
-
Os prezos das vivendas adxudicadas oscilan entre os 77.000 e os 193.000 euros.
Vigo, 03 de agosto de 2012.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo, María José Bravo Bosch, mantivo hoxe unha reunión cos últimos adxudicatarios das 18 Vivendas de Protección Autonómica (VPA) rehabilitadas polo organismo e sorteadas o pasado 2 de xullo polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). O encontro serviu tamén para celebrar un novo sorteo de asignación das vivendas ante notario, e co obxectivo de darlles a coñecer o piso determinado que lles tocou.
Bravo Bosch, acompañada polo xerente do CCVV, Alfonso Ramos, aproveitou o encontro para agradecer a aposta destes adxudicatarios –case todos xente xoven- por tomar a decisión de residir no barrio histórico, inmerso nun profundo proceso de rehabilitación integral.
Os adxudicatarios das 18 VPA, que previamente estiveron inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, teñen agora un prazo de 45 días naturais para formalizar as súas hipotecas e rematar logo o proceso coa entrega de chaves das súas novas vivendas.
A presidenta do Consorcio –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- explicoulles a iniciativa que o organismo ven de facer efectiva con entidades financeiras e co que se pretende facilitar a concesión de hipotecas aos adxudicatarios das VPA rehabilitadas polo CCVV. Así, trasladoulles que no día de onte deuse un paso moi importante coa rúbrica do primeiro convenio marco –neste caso con Novagalicia Banco- que ten coma obxectivo facilitar o acceso ao financiamento e ofrecer condicións máis vantaxosas aos futuros propietarios.
As vivendas adxudicadas polo IGVS pertencen ás tres promocións situadas nas rúas San Sebastián 8-12-14, Ferrería 11-13-15-17-San Sebastián 1-3-5-7 e Hortas 10-12. Das 18 vivendas, 9 delas son de dous dormitorios, 7 dunha habitación e as 2 restantes de tres dormitorios. É a primeira vez que o CCVV saca ao mercado pisos con 3 habitacións. As superficies oscilan entre os 43,49 metros cadrados e os 108,90 metros cadrados mentres que os prezos oscilan entre 77.139,08 euros máis rocho para a vivenda máis barata e os 193.158,11 euros, da máis cara.
Coa asignación das vivendas por parte do CCVV, farase realidade nos vindeiros meses a chegada doutras 18 familias máis aos inmobles rehabilitados integramente polo organismo. O IGVS xa adxudicou 34 VPA en dúas fases anteriores e, tras estas novas 18 VPA sorteadas, haberá unha cuarta fase con outras 6 VPA da promoción situada en Ferrería 25-27-29-31 e que previsiblemente se sorteará a finais de ano.
Actuación integral na parta alta do barrio O CCVV segue adiante coa recuperación da zona superior do Casco Vello, onde se centran os esforzos de recuperación nestes intres. Así, na actualidade, un total de 20 inmobles xa están en plena execución no entorno do Castelo de San Sebastián cun investimento superior aos 3,5 millóns de euros.
O organismo é propietario, a día de hoxe, de medio centenar de inmobles. Deles, 15 xa están completamente rehabilitados dando como resultado a posta no mercado de 52 vivendas e 13 locais comerciais. Outros 20 edificios están agora mesmo en obras e, logo da súa rehabilitación, ofrecerán 30 novas vivendas e 7 baixos comerciais, mentres que 4 inmobles máis están en proxecto e pendentes de inicio de obra, de xeito que sairán ao mercado outras 10 vivendas e 3 locais comerciais.