Os adxudicatarios das 12VPP en aluguer do Casco Vello coñeceron esta mañá a vivenda que lles corresponde
- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Lucía Molares, presidiu esta mañá o sorteo de asignación que se celebrou no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Vigo.
- Tras a aprobación do listado definitivo de adxudicatarios por parte da Comisión Provincial de Vivenda, hoxe os 12 adxudicatarios coñeceron o piso que lles corresponde.
- O vindeiro mes recibirán a carta de adxudicación e poderán visitar a súa vivenda para proceder despois á entrega de chaves.
Vigo, 26 de outubro de 2011.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), realizou esta mañá o sorteo de asignación das 12 Vivendas de Promoción Pública (VPP) en aluguer ubicadas no Casco Vello da cidade olívica, concretamente nas rúas Ferraría-Subida ao Castelo do barrio histórico. Foi a través dun sorteo público que se celebrou esta mañá no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta.
A delegada territorial en Vigo e presidenta do CCVV, Lucía Molares, foi a encargada de presidir dito sorteo de asignación, a través do cal os 12 adxudicatarios coñeceron a vivenda concreta que lles corresponde. Tras a aprobación do listado definitivo de adxudicatarios realizado pola Comisión Provincial de Vivenda e o acto de hoxe, as familias beneficiadas recibirán agora a súa carta de adxudicación e poderán visitar as súas vivendas a principios do vindeiro mes de novembro para rematar despois o proceso coas correspondentes firmas de contratos e a entrega de chaves.
Os participantes que optaron a unha das 12 vivendas en aluguer foron as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, na modalidade de Vivenda de Promoción Pública en núcleos rurais ou cascos históricos e, concretamente, na opción de aluguer para a cidade de Vigo.
Características das vivendas Segundo explicou Molares, as vivendas están destinadas a xóvenes de entre 18 e 35 anos, cuns ingresos entre 1 e 5,5 veces o Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples (IPREM). En función da superficie das vivendas e dos ingresos dos adxudicatarios, os prezos do aluguer oscilan entre os 71 e os 216 euros.
As 12 vivendas contan con rochos e teñen unhas superficies que van dende os 30 ata os 71 m2 para familias de un ou dous membros. Así, en función das características e das superficies, o IGVS estableceu dous cupos á hora de realizar o sorteo: 7 das vivendas se destinaron a unidades familiares de un so membro mentres que as 5 restantes foron para unidades familiares de dous membros.