O Samaín ten mañá o seu día grande na Praza do Berbés
Vigo, 30 de outubro de 2019.- Non te esquezas que mañá é o día grande do Samaín, e o Casco Vello vivirá novamente unha divertida xornada de “Terror”. Porque a orixe fantasmal desta festividade non está rifada co bo humor e a creatividade: por iso, a partir das cinco da tarde a Praza do Berbés converterase nun improvisado taller de maquillaxe, á vez que os máis pequenos poderán gozar dos xogos populares. Media hora máis tarde, sobre as 17.30 iniciarase o taller de tallado e decoración de “calacús”, ao que ás 18.00 sumarase unha representación de monicreques e ás 19.00 a intervención de “ bailadoriñas” e “ bailadoriños” con Luís Prego.
A nota máis distintiva do “ Samáin” do Casco Vello de Vigo, a rolda da Santa Compaña, chegará ao antigo porto pesqueiro sobre as oito da tarde e quen conseguise escaparse das súas chamadas de ultratumba poderán celebralo pouco despois con bailes tradicionais e a actuación do Orfeón Mariñeiro do Berbés. O longo punto final a toda esta programación poñerao a “foliada de defuntos” na que se poderá bailar, cantar ou tocar a gaita ou as pandeiretas coas escolas da Asociación de Veciños do Casco Vello e con varios grupos de música tradicional.