O plan de Actuación do CCVV prevé investir mais de 14 millóns de euros ata 2025
-
Recuperaranse 7.000 m2 o que permitirá crear 45 novas vivendas
Vigo, 2 de agosto do 2021.– O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido esta mañá baixo a presidencia de Marta Mª. Fernández-Tapias, aprobou a revisión do seu “Plan de Actuación 2018-2024”, ampliando a súa vixencia a decembro de 2025, data ata a que os seus dous socios, Xunta de Galicia e Concello de Vigo, acordaron recentemente prolongar a actividade deste organismo.
Os obxectivos fixados tras esta revisión contemplan a rehabilitación ao longo do próximos catro anos de 25 edificios, cunha edificabilidade de 7.000 m2, que permitirán crear 45 novas vivendas. O plan financeiro para alcanzar estas metas supón a mobilización na zona de 14.500.000 euros ao longo do cuadrienio 2022-2025. Para alcanzar estes obxectivos resultará clave a incorporación a este “Plan de Actuación” daqueles edificios situados no ámbito de intervención do CCVV incluídos no primeiro “Programa Municipal de Edificación Forzosa”, aprobado en 2019 polo Concello de Vigo. A incorporación dos 15 edificios que reúnen estes requisitos, máis os xa adquiridos polo CCVV permiten asegurar actuacións en polo menos 12 rúas do centro histórico de Vigo, que poderían verse ampliadas en función do resultado das negociacións en marcha para a adquisición doutras leiras ou edificios.
A revisión do Plan de Actuación, un requisito establecido por norma no seu terceiro ano de vixencia, e a súa modificación neste caso baséase en varias consideracións entre as que destacan, ademais da necesidade de incorporar o citado Programa Municipal de Edificación Forzosa, o que, a pesar do importante labor de rexeneración acometida tanto polo CCVV como por outros axentes sociais, persisten na zona distintos puntos nos que o proceso de rehabilitación integral que xustificou a creación do Consorcio aínda non se pode dar por finalizado, polo que é necesario continuar co seu labor. Neste sentido sinálase a necesidade tanto de concluír as intervencións aínda en marcha na zona alta do Casco Vello, onde o CCVV tivo un maior grao de intervención desde a súa fundación, como de incrementar o nivel de actuación pública na zona baixa, especialmente na contorna da Praza do Berbés e a zona de Poboadores, onde por distintas circunstancias a promoción privada atopa máis dificultades para acometer investimentos.