O PetardBingo celebra hoxe a súa edición máis solidaria
Vigo, 30 de xuño de 2023.- A coñecida como Praza do Abanico (oficialmente Rúa San Sebastián, 14), en pleno centro do casco vello alta, acollerá esta tarde, a partir das seis e media, unha nova edición do PetardBingo, que nesta ocasión celébrase baixo a denominación de Pride Edition e ten un dobre carácter reivindicativo -ao sumarse aos actos conmemorativos do Orgullo LGTBIQ+– e solidario, xa que o importe recadado coa venda dos cartóns destinarase á asociación Xaruma, unha ONG viguesa cuxo obxectivo é a mellora da saúde emocional e mental de persoas con trastornos mentais e o apoio aos seus familiares.
A actividade, que vén desenvolvendo desde o ano 2016 coa única excepción das obrigadas suspensións por mor da pandemia de Covid, conta co respaldo de múltiples patrocinadores, o que permitirá realizar unha serie de divertidos e coloridos sorteos a ton co carácter festivo e solidario que os organizadores, PetardPop e a Asociación Veciñal Casco Vello Alta, imprimiron a este xa clásico acto de animación desta zona da cidade. A partir das seis e media comezarán a actividade nos distintos postos de alimentación instalados na zona, animados coa mellor música, e realizaranse distintos sorteos, previos ao gran bingo solidario, sen dúbida a estrela desta actividade.