O PAIF 2024 do Consorcio supoñerá un investimento de case dous millóns de euros no Casco Vello
Vigo, 26 de outubro do 2023.– O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido esta mañá baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez, aprobou o seu Plan de Actuación, Investimentos e Financiamento (PAIF) do próximo exercicio 2024. A cantidade total establecida para a actuación o próximo ano deste organismo, cuxo principal obxectivo é a rehabilitación do barrio histórico de Vigo, é de 1.780.065,00 €. Desta cantidade máis do 87% teñen a consideración de investimento directo xa que se destinan á execución das obras de rehabilitación das vivendas propiedade do CCVV, correspondendo o resto a gastos operativos, entre os que se inclúen tarefas como elaboración de estudos, limpeza, tramitacións administrativas e outras que non teñen a consideración contable de activables, pero que son imprescindibles para acometer a recuperación dos edificios. O documento aprobado hoxe contempla así mesmo a posibilidade de que a cifra consignada poida verse incrementada en 238.801 euros no caso de que se aprobase a aplicación de fondos de remanentes.
O PAIF 2024 contempla, en concreto, investimentos na rehabilitación de seis edificios (Elduayen, 31; Ribeira do Berbés, 39; Subida ao Castelo, 9; Elduayen, 39-Ferrería 16; Hortas, 2-4 -San Sebastián, 20 e Rúa Alta, 8-14) o que permitirá crear un total de 22 novas vivendas na zona.
Os ingresos previstos no documento aprobado esta mañá garanten o equilibrio financeiro do exercicio debido a que aos 444.444 euros que achegan os socios do Consorcio (Xunta de Galicia cun 90% de participación e Concello de Vigo cun 10%) súmase unha previsión de ingresos por alugueiros de locais, intereses financeiros e venda de vivendas por importe de 1.335.621 €.