O MUNDO DA ARQUITECTURA RECOÑECE O TRABALLO DE RECUPERACIÓN DO BARRIO HISTÓRICO
Como xa vos contamos, o pasado día 14 recollemos en Madrid o premio da XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo á recuperación do barrio histórico na categoría de revitalización e transformación do centro urbano. Pois ben, este foi un dos dous premios que o traballo de rehabilitación do Casco Vello recibiu durante este ano 2013.
O primeiro deles foi entregado outro día 14, no mes de febreiro e na Coruña. Trátase do premio outorgado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), no apartado de vivenda, que foi dado aos arquitectos Perfecto Cendón e Javier Vázquez (do estudo Cendón-Vázquez), pola rehabilitación feita no cuarteirón Ferraría-San Sebastián (Ferraría 11-13-15-17/San Sebastián 1-3-5-7), elixida entre un total de 67 candidaturas.
Estes son os galardoados na gala de entrega dos XV Premios COAG de Arquitectura:
Os arquitectos respectaron en todo momento a morfoloxía do parcelario orixinal así como os valores da arquitectura do barrio histórico, sempre reinterpretado dun modo contemporáneo.
Ademais, a tipoloxía utilizada nesta rehabilitación deu como resultado vivendas abertas, luminosas e con espazos moi versátiles. En palabras da presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo, María José Bravo Bosch, “é un recoñecemento a unha das actuacións máis coidadas e onde se preservaron importantes elementos patrimoniais”.
O fallo do xurado, coñecido o día anterior á entrega de premios, destacou o proxecto “como un exemplo de intervención en vivendas dun casco histórico, nunha zona moi degradada, servindo para rexenerar un ámbito urbano. Valórase a singularidade da proposta e como homoxeniza a intervención dun elemento como as carpinterías, conferíndolle carácter e personalidade, pero sempre desde a contención e a economía dos medios. Destacouse tamén a flexibilidade do espazo”.
Tras esta reforma, que modificou substancialmente a imaxe da parte alta do Casco Vello, saíron un total de 9 Vivendas de Protección Autonómica e un local comercial.
(Fotografías cedidas polo estudo de arquitectos Cedón-Vázquez).
En canto ao premio recibido na XII BEAU, no anterior post falámosvos sobre el e sobre a entrega de premios en Madrid.
Recordámosvos brevemente que o premio foi outorgado na categoría de revitalización e transformación do casco urbano. Para chegar a este recoñecemento, o xurado seleccionou 166 obras das 583 presentadas. Destas 166, fíxose unha criba para elixir 64 proxectos pre finalistas. Deses, foron 27 os finalistas e 15 os premiados.
Esta rehabilitación que estamos a levar a cabo estase a converter en todo un fito na nosa cidade, xa que conseguimos, paso a paso, devolverlle ao noso barrio histórico o valor, aspecto e vida que merece.