O IGVS realizará o sorteo de 12 vivendas de promoción pública en aluguer no Casco Vello de Vigo o vindeiro xoves 30 de xuño
- Será ás 10.00 horas da mañá no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Vigo, e poderán asistir todas as persoas que amosaron o seu interese en participar neste sorteo.
- Realizarase entre as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia no apartado que corresponde a aluguer de Vivenda de Promoción Pública en núcleos rurais e cascos históricos.
Vigo, 25 de xuño de 2011.- O vindeiro xoves día 30 de xuño, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) levará a cabo o sorteo de 12 Vivendas de Promoción Pública (VPP) en aluguer ubicadas no Casco Vello da cidade olívica, concretamente nas rúas Ferraría-Subida ao Castelo do barrio histórico, e que forman parte da oferta de vivenda que saca ao mercado o Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e no 10% restante polo Concello de Vigo-.
O sorteo celebrarase ás 10.00 horas da mañá no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Vigo. Será un sorteo ante notario e público, co que poderán asistir todas as persoas que amosaron o seu interese en participar nesta promoción de vivendas en aluguer.
Os participantes que optarán a unha das 12 vivendas en aluguer serán as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, na modalidade de Vivenda de Promoción Pública en núcleos rurais ou cascos históricos e, concretamente, na opción de aluguer para a cidade de Vigo. Despois, publicarase un listado provisional de adxudicatarios e unha lista de reserva. Logo da verificación da documentación e da presentación das súas solicitudes, aprobarase o listado definitivo de adxudicatarios para rematar o proceso coas correspondentes firmas de contratos e a entrega de chaves.
Para xóvenes de 18 a 35 anos. Segundo explicou a delegada territorial da Xunta e presidenta do CCVV, Lucía Molares, no momento de iniciarse o procedemento, as vivendas irán destinadas a xóvenes de entre 18 e 35 anos, cuns ingresos entre 1 e 5,5 veces o Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples (IPREM). En función da superficie das vivendas e dos ingresos dos futuros adxudicatarios, os prezos do aluguer poden oscilar entre os 71 e os 216 euros.
As 12 vivendas contan con rochos e teñen unhas superficies que van dende os 30 ata os 71 m2 para familias de un ou dous membros. Así, en función das características e das superficies, o IGVS establecerá dous cupos á hora de realizar o sorteo: 7 das vivendas se destinarán a unidades familiares de un so membro mentras que as 5 restantes serán para unidades familiares de dous membros.
Máis de 200 persoas interesadas nas 15 VPA do Consorcio Casco Vello. O traballo de recuperación do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) segue adiante e así, a esta promoción de 12 VPP en aluguer que se sorteará o vindeiro xoves, débese sumar tamén á oferta das novas 15 Vivendas de Protección Autonómica (VPA) que nestes momentos xa está en marcha e que contou con máis de 200 persoas interesadas en participar neste proceso e no vindeiro sorteo que tamén realizará o IGVS. Neste caso, os interesados poderán optar a unha destas vivendas en réxime de compravenda a prezo concertado que están situadas en Abeleira Menéndez 18-20 (4 vivendas), Abeleira Menéndez 24-26 (5 vivendas) e Cruz verde, 5 (6 vivendas).
Por último, tamén hai que ter en conta que o CCVV xa comezou a entregar as chaves aos primeiros adxudicatarios da primeira oferta de 19 Vivendas de Protección Autonómica (VPA) que sacou ao mercado, tamén en réxime de compravenda a prezo concertado, e que supón a incorporación de novas familias, veciños e veciñas ao casco histórico vigués. Esta primeira oferta forma parte das cinco primeiras promocións xa sorteadas e que están situadas en Abeleira Menéndez, 11 (1 vivenda), Abeleira Menéndez 13-15 (6 vivendas), Santiago, 19 (1 vivenda), Santiago 11-13-15-17 (8 vivendas) e Real, 16 (3 vivendas).
Ata o de agora, o CCVV xa ten adquiridos 44 inmobles, dos cales 15 xa están totalmente rehabilitados. Un total de 13 locais comerciais xa están dispoñibles, co obxectivo de fomentar a actividade empresarial na zona do barrio antigo, e 52 vivendas xa son habitables. Na actualidade, o CCVV traballa na execución de 9 locais comerciais e 42 vivendas, da cales 9 están iniciadas, 15 licitadas e 18 en fase de proxecto.