O fin do mes de maio enche de actividades lúdicas e culturais o Casco Vello

Acompañado da calor que se anuncia para estes últimos días de maio o Casco Vello acollerá nas próximos xornadas diversas actividades culturais e lúdicas. Así hoxe, xoves 29, a asociación Dante Alighieri, cuxa sede se atopa en pleno Casco Vello, organiza un concerto para conmemorar o aniversario do referendo que en 1946 decidiu a forma de goberno da República Italiana. O acto, que por cuestións de aforo celebrarase no paraninfo do Instituto Santa Irene, a partir das sete e media da tarde, consistirá nun concerto a cargo do “Coro Voces Graves” que ofrecerá un repertorio de cancións populares italianas.

Esta mesma asociación levará a cabo ao día seguinte, venres 30, outra actividade cultural, dentro da programación do seu ciclo de conferencias “Entre o Atlántico e o Mediterráneo: Peregrinos italianos na historia de Europa”. Esta nova exposición, a quinta do ciclo, levaráse a cabo no auditorio da Biblioteca Pública Juan Compañel, a partir das sete da tarde, e estará a cargo do catedrático de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela Marcelino Ajís Villaverde, que disertará sobre a influencia do Camiño de Santiago na formación do pensamento europeo.

Verbena Market

Por outra banda, durante toda a xornada do sábado 31 de maio, a zona da coñecida popularmente como a Praza do Abanico, acollerá entre o mediodía e as oito da tarde unha nova edición da Verbena Market na que participan nesta ocasión case un trintena de expositores. Ademais de poder acceder aos seus produtos, ao longo da xornada levarán a cabo distintas actividades de animación. Estas comezarán ás doce e media coa actuación de Sonsoles Penadique, quen na sede da Asociación Évame Oroza entreterá aos máis novos cos seus contos. A partir de úna e media será a combinación da música house de Victor Balboa e os mellores vermús a que se apropie desta céntrica zona do Casco Vello Alto. A animación renovarase a partir das cinco da tarde cunha clase de baile -sede da Asociación Évame Oroza, con entrada libre ata completar aforo- que se prolongará posteriormente cun “tardeo” que compatibilizará, mentres vai caendo a tarde, a música coa degustación de distintas especialidades gastronómicas.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.