O Consorcio inviste máis de 2,2 millóns de euros en rehabilitacións da zona alta do barrio histórico que dan lugar a 18 vivendas e 6 locais comerciais máis
- A presidenta Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, xunto a varios membros do Consello de Administración, entre eles, a representante do Goberno municipal e tenente de alcalde do Concello de Vigo, Carmela Silva, supervisou hoxe o bo ritmo das obras de rehabilitación que o organismo ten en marcha na actualidade na zona alta do barrio histórico
- Os traballos en San Sebastián 24-26 e Ferrería 3-5-7 están en plena execución mentres que a actuación en San Sebastián 4-6/Subida ao Castelo 5-7 rematouse recentemente dando lugar a 10 Vivendas de Protección Autonómica que serán sorteadas nos vindeiros meses a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS)
- O procedemento para participar neste novo sorteo abrirase antes de que remate o ano e o requisito para poder participar é estar inscrito no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, no apartado de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado, na casiña de compra
- Con respecto a próximas actuacións, antes de que remate o ano está previsto que se adxudiquen as obras de rehabilitación en Ferrería 45-47 e Ferrería 10-12
Vigo, 07 de novembro 2014.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, acompañada por varios membros do Consello de Administración, entre eles, a representante do Goberno municipal e tenente de alcalde do Concello de Vigo, Carmela Silva, supervisou este venres o bo ritmo das obras de rehabilitación que o organismo está a levar a cabo na parte alta do barrio histórico, concretamente, en San Sebastián 24-26 e Ferrería 3-5-7, nas que se están a investir máis de 1 millón de euros. Durante o percorrido, tamén visitou a promoción de San Sebastián 4-6/Subida ao Castelo 5-7, recentemente rematada cun investimento superior aos 1,2 millóns de euros, e que da lugar a 10 Vivendas de Protección Autonómica (VPA) que serán sorteadas nos vindeiros meses.
Xunto aos arquitectos e responsables das empresas construtoras encargadas das distintas rehabilitacións, Bravo Bosch informou que será a mediados do ano que ven cando se rematen as obras en San Sebastián 24-26 e Ferrería 3-5-7. Da recuperación destes 5 edificios sairán 8 vivendas e 3 locais comerciais máis.
En canto as 10 VPA xa rematadas no cuarteirón Castelo de San Sebastián (San Sebastián 4-6/Subida ao Castelo 5-7), que tamén formaron parte da visita de hoxe, Bravo Bosch sinalou que serán sorteadas nos vindeiros meses a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). A previsión é que o correspondente procedemento para adxudicar estes pisos quede fixado antes de que finalice este ano.
O requisito para poder participar neste novo sorteo de 10 vivendas -o quinto dende que o CCVV comezou a súa posta no mercado-, é estar inscrito no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, no apartado de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado, na casiña de compra. Trátase de pisos dun dormitorio e con superficies que van desde os 46,24 m2 aos 68,20 m2. O prezo da vivenda máis barata é de 67.048,00 euros, mentres que a máis cara é de 109.120,00 euros.
Ademais deste novo sorteo, o CCVV aínda ten dispoñibles outros 3 pisos que se poden adxudicar de forma directa. Os interesados tamén teñen que estar inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda nos mesmos apartados que as anteriores. Na actualidade, unhas 60 novas familias residen xa no Casco Vello desde que o organismo comezara a súa oferta de pisos rehabilitados hai agora catro anos.
Vindeiras actuacións e balance Por outra parte, o organismo –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- segue adiante na actualidade co proceso correspondente para a recuperación doutros catro edificios emprazados na zona alta do Casco Vello. Antes de que remate o ano, está previsto que queden adxudicadas as obras de rehabilitación de Ferrería 45-47 e Ferrería 10-12, pendentes de licitación agora mesmo e das que sairán outras 6 vivendas e 2 locais comerciais.
A día de hoxe, o CCVV adquiriu un total de 70 inmobles, dos cales 40 xa foron totalmente rehabilitados, o que se traduce na consecución de 91 vivendas -74 para venda, 12 para aluguer e 5 para realoxos- e 23 locais comerciais -15 xa teñen actividade empresarial, 3 abrirán proximamente, outros 3 sairán a concurso próximamente e os outros 2 son os relativos á sede de APEC e ao novo Servizo de Notificacións e Embargos que abrirá nos vindeiros meses-. Ademais, 10 inmobles foron transmitidos a outras institucións, incluíndo aquí, entre outros, os últimos 3 edificios da Ribeira do Berbés (números 11-13-15) onde a Universidade de Vigo construirá o seu centro de linguas.