O Consorcio Casco Vello entrega as chaves doutras 5 vivendas, co que 30 novas familias xa residen no barrio histórico
- A presidenta do organismo, María José Bravo Bosch, acompañada polo vicepresidente, Santiago Domínguez, agradeceu aos propietarios dos pisos rehabilitados a súa aposta por elixir o Casco Vello para residir, porque están a axudar a que a verdadeira recuperación da zona antiga sexa xa unha realidade.
- Trátase de 5 novos pisos situados nas promocións de Abeleira Menéndez 24-26, en concreto, as vivendas 1ºA e 1ºB; Abeleira Menéndez, 11, a vivenda 1º; Abeleira Menéndez 18-20, a vivenda 3ºD; e Cruz Verde, 5, a vivenda 3ºB.
- Os pisos entregados hoxe contan cunhas superficies que van dende os 40,19m2 e os 66,62 metros cadrados e os prezos oscilan entre os 71.285,80 euros e os 118.165,23 euros.Todos os pisos forman parte das primeiras 34 VPA xa sorteadas e adxudicadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
- Onte, o Consello de Administración do CCVV iniciou tamén os trámites para un novo proceso de venda doutras 24 vivendas de protección autonómica.
Vigo, 03 de abril de 2012.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, acompañada do vicepresidente do organismo, Santiago Domínguez Olveira, entregou hoxe as chaves a 5 novos adxudicatarios das vivendas rehabilitadas polo organismo logo de formalizar os as súas hipotecas e as escrituras de compravenda. Co asentamento de ditos adxudicatarios, xa son 30 as novas familias que xa están a residir no barrio antigo amosando así que a verdadeira recuperación da zona histórica é unha realidade.
Bravo Bosch, quen aproveitou para coñecer unha das vivendas entregadas hoxe a un dos seus adxudicatarios, agradeceu aos novos donos dos pisos a súa aposta por elixir a zona vella para vivir e desenvolver a súas vidas. A presidenta do organismo –participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello- defendeu a labor fundamental do CCVV no barrio, cuxa vixencia quedou prorrogada ata 2017 hai tan so unha semana.
En canto as VPA entregadas hoxe durante un acto público ante notario, Bravo Bosch informou que se trata de 5 novos pisos situados en 3 edificios da rúa Abeleira Menéndez e noutro máis da rúa Cruz Verde, 5. Na promoción de Abeleira Menéndez, 24-26 foron entregados o 1ºA, que conta cunha superficie de 66,62 metros cadrados, 2 dormitorios e ten un custe de 118.165,23 euros (sen IVE) e o 1ºB, que ten unha superficie de 58,92m2, 2 dormitorios e custa 104.507,58 euros (sen IVE); en Abeleira Menéndez, 11, entregáronse as chaves do 1º de 59,59m2, 2 dormitorios e ten un prezo de 106.245,83 euros (sen IVE); mentres que en Abeleira Menéndez, 18-20, entregouse o 3ºD, unha vivenda de 40,19 metros cadrados, 1 dormitorio e un custe de 71.285,80 euros. Por último, en Cruz Verde, 5, entregáronse as chaves do 3ºB, que ten unha superficie de 60,90 m2, 2 dormitorios e un prezo de 108.019, 55 euros.
As 5 vivendas entregadas hoxe forman parte das primeiras promocións que o CCVV puxo no mercado ao longo do ano pasado coma VPA. Nas vindeiras datas seguirá o proceso ata a entrega total dos 34 pisos que foron sorteadas o pasado ano polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
Tras a firma das escrituras ante notario, María José Bravo Bosch e Santiago Domínguez, trasladáronse ata Abeleira Menéndez, 18-20 para coñecer –xunto ao seu adxudicatario- unha das vivendas que se entregou no día de hoxe. Alí destacou o estado da vivenda e observou as calidades e acabados da mesma.
Novo proceso de venda Bravo Bosch lembrou o proceso aprobado onte, cando o Consello de Administración do CCVV aprobou por unanimidade o inicio do procedemento da venda doutras 24 VPA, co que xa serán 58 os pisos completamente rehabilitados polo ente que estarán no mercado. As persoas interesadas nesta nova fase de VPA deberán estar inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta, no réxime de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado no apartado de compra. Asemade, é fundamental a solicitude concreta para participar en dito sorteo mediante escrito dirixido ao rexistro e cuxo modelo poden atopar na páxina web do IGVS ou na Delegación Territorial deste organismo.
Das 24 VPA serán sorteadas 18 Das novas 24 VPA, sortearanse primeiro 18 vivendas. Trátase das 3 promocións seguintes: Ferraría 11-13-17-19-San Sebastián 3-5-7 (9 pisos), San Sebastián 8-12-14 (4 pisos) e Hortas 10-12 (5 pisos); mentres que a cuarta fase, cunha promoción máis, é Ferraría 25-27-29-31 (6 pisos).
Ditas 18 vivendas contan cunhas superficies que van dende os 43,99 metros cadrados aos 108,90 m2 e os prezos oscilan entre os 77.139,08 euros e os 193.158,11 euros. É a primeira vez que o CCVV saca ao mercado inmobles de 3 dormitorios.