O Consorcio Casco Vello de Vigo adquire un novo edificio na Rúa Cruz Verde 12
Coa firma ante notario da escritura de compravenda por parte do seu presidente, Ignacio López-Chaves, o Consorcio Casco Vello de Vigo formalizou o día 15 de xullo, a adquisición do edificio situado no número 12 da rúa Cruz Verde; con esta compra dáse un paso máis na revitalización do barrio histórico vigués que este organismo vén desenvolvendo desde hai unha década, e que se traduciu na adquisición de máis dun centenar de vivendas para a súa posterior rehabilitación e posta a disposición de compradores ou inquilinos.
O edificio agora adquirido consta de baixo e tres plantas, cunha superficie construíble de 265 metros cadrados; a compra supon un importante investimento, segundo puxo de manifesto Ignacio López-Chaves nas súas declaracións tras o comité executivo que autorizou a operación. Situado na zona alta do barrio orixinario da cidade de Vigo, Cruz Verde 12 terá que ser sometido a un profundo proceso de rehabilitación interior e exterior para lograr a integración na nova contorna que, paso a paso, vaise creando nesta zona, ata non hai moito tempo una das mais degradadas da cidade olívica. Nesta mesma rúa o Consorcio Casco Vello de Vigo, organismo participado nun noventa por cento pola Xunta de Galicia e nun dez por cento polo Concello de Vigo, rehabilitou anteriormente un edificio no que se construíron seis vivendas e dous locais comerciais.
Trece novas vivendas
Ignacio López-Chaves sinalou nas declaracións citadas anteriormente que o investimento previsto ao longo deste ano polo organismo que preside é de dous millóns de euros; a mesma permitirá a creación de trece novas vivendas e tres locais comerciais. Este investimento súmase aos máis de 35 millóns de euros comprometidos polo Consorcio ao longo dos seus dez anos de existencia, o que permitiu o asentamento na zona de 150 novos veciños, conviertiéndose nunha das poucas áreas da cidade que gaña poboación. De acordo coa experiencia adquirida ao longo desta década os novos proxectos que se acometan priorizarán, na medida que o permitan as condicións do PEPRI no que se integra o Casco Vello, a creación de vivendas de dúas ou tres habitacións, as máis demandadas polos interesados en instalarse nesta zona.