O Consorcio Casco Vello aproba o proxecto para a rehabilitación de Cruz Verde 12

11/10/2018 .- O Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido esta mañá con carácter extraordinario baixo a presidencia de Ignacio López-Chaves, delegado da Xunta de Galicia en Vigo, aprobou a contratación do proxecto de rehabilitación do edificio situado na rúa Cruz Verde 12, que foi adxudicado ó proxecto da arquitecta Beatriz Sierra Sobrino.

A contratación deste proxecto, adoptado pola modalidade de procedemento aberto simplificado, inicia o proceso para a creación de dúas novas vivendas de promoción pública de tres habitacións e un local comercial nesta popular rúa do barrio histórico vigués, e súmase a outras intervencións anteriores e á que actualmente se está realizando no número 8 da mesma vía. Esta nova actuación terá un orzamento de 344.141,76 euros e contará cun prazo de execución, unha vez que se inicien as obras, de doce meses.

O edificio tivo que ser baleirado polo o seu mal estado de conservación.

O edificio sobre o que levará a cabo esta nova intervención do organismo rehabilitador estaba formado por planta baixa e tres pisos e sitúase sobre unha parcela de aproximadamente 85 metros cadrados. Tras a súa compra en xuño de 2016 o CCVV tivo que proceder ao seu baleirado interior dado o seu mal estado de conservación, polo que o proxecto agora aprobado consiste na súa rehabilitación integral para adecualo ás condicións de salubridade, hixiene, illamento e seguridade mínimas necesarias, para o que se procederá así mesmo á modificación da súa volumetría orixinal a fin de adecuala á normativa actual. As principais modificacións serán o cambio de configuración da cuberta, que pasa a ser a dúas augas, e a diminución do fondo construído, que se reduce aos doce metros marcados na súa ficha de edificación. 

Modificación da estrutura

A distribución final agora recollida no proxecto de Beatriz Sierra contempla a localización na planta baixa dun local comercial e a zona de acceso común ás vivendas. Na planta primeira e a parte dianteira da segunda planta créase unha vivenda unifamiliar de tres estancias, en tanto que a parte posterior da segunda planta e a totalidade da terceira acollerán outra vivenda unifamiliar, tamén de tres estancias. A rehabilitación afecta tamén á estrutura do edificio e implica basicamente as seguintes actuacións:

 .- nova cimentación dos piares metálicos e do foso do ascensor.

 .- modificación da soleira para o seu correcto illamento e a canalización das instalacións necesarias.

 .- nova estrutura en todos os pisos a base de forxados de chapa sobre vigas metálicas apoiadas nas actuais medianeiras ou en novos alicerces metálicos.

 .- nova cuberta de tella de acordo coa volumetría fixada na súa ficha do PEPRI.

 .- nova fachada traseira, con ocos necesarios para a ventilación e iluminación das habitacións.

 .- rehabilitación da fachada a Cruz Verde, restauración dos elementos de forxa, apertura do oco tapiado no seu día, reposición da galería do terceiro piso e das carpintería de madeira.

 

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.