O Consorcio aproba a contratación das obras no bloque San Sebastián 20-Hortas 2-4

Vigo, 29 de febreiro do 2024.- O comité executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido esta mañá baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez, aprobou a posta en marcha do expediente de contratación das obras da promoción San Sebastián 20-Hortas 2-4, que permitirá a creación de dúas novas vivendas na zona alta do barrio histórico vigués. No citado expediente sinálase que o orzamento base de execución do proxecto, elaborado polo estudo Castroferroarquitectos, será de 651.128,41 € (máis ive) e que as obras se desenvolverán, unha vez adxudicada a contratación, durante os exercicios 2024 e 2025.

A intervención dará lugar a duas novas vivendas.

As dúas vivendas unifamiliares resultantes distribuiranse nun solar de 176,82 metros cadrados, resultante da agregación de varias propiedades adquiridas polo Consorcio en 2021. A primeira das vivendas contará con dous dormitorios, salón-comedor-cociña, dous baños e zonas de servizo ata alcanzar unha superficie útil de 116,74 metros cadrados. A eles haberá que sumar un patio de case 22 m 2. A segunda vivenda, do mesmo xeito que a anterior distribuída en dúas plantas, estará dotada de tres dormitorios, salón-cocina-comedor, dous baños e zonas de servizo para completar unha superficie útil de 111,34 m2 á que hai que engadir un pequeno patio de 8,92 m².

Retorno

Esta rehabilitación supón o retorno das intervencións do Consorcio Casco Vello á zona da rúa de San Sebastián, onde levou a cabo unha serie de importantes actuacións nos primeiros anos da súa actividade. Nestes momentos o CCVV ten en marcha, ademais desta promoción, dúas intervencións nas rúas Elduayen 31 e Subida ao Castelo 9 ás que proximamente se engadirán dúas licitacións en Praza do Berbes 39-San Francisco 2 e Elduayen 39 , que permitirán a incorporación nos próximos meses de 15 novas residencias ao parque de vivendas da zona.

 

 

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.