O consello de administración do CCVV adxudica o alugueiro de seis locais comerciais
Vigo, 16 de decembro de 2022.- A adxudicación esta maña por procedemento directo de seis locais comerciais dispoñibles nas promocións realizadas polo Consorcio Casco Vello de Vigo constitúe unha fase máis do proceso de alugueiro destes espazos que o CCVV iniciou o pasado mes de xuño, co obxectivo de contribuír á dinamización social e económica deste popular barrio vigués.
Os seis locais agora asignados por acordo do Consello de Administración do CCVV, presidido por Marta Mª. Fernández-Tapias Núñez, atópanse situados nas rúas Abeleira Menéndez 18, Cruz Verde 12, Ferrería 5 (locais 1 e 3), Ferrería 11 e Real 25. As actividades que acollerán son unha empresa de audiovisuais, un estudo de arquitectura, unha clínica de beleza, un taller de deseño de moda, un centro de beleza e un comercio de alimentación. Ao tratarse da fase de adxudicación directa a mesma realizouse por orde de presentación das ofertas unha vez comprobado que as mesmas cumprían os requisitos económicos e técnicos mínimos establecidos no prego de condicións. En total presentáronse 28 ofertas para ocupar esta media ducia de establecementos, destacando o interese por Abeleira Menéndez 18, polo que optaron doce interesados. Tan só una das ofertas presentadas en primeiro lugar foi descartada ao non alcanzar a puntuación mínima esixida no proceso de baremación, polo que o adxudicatario resultou ser o segundo presentado.
Condicións
A oferta para o alugueiro destes locais realizouse cunhas atractivas condicións para os interesados, xa que a unhas rendas adaptadas á situación do mercado engádense a conxelación da renda durante os sete anos establecidos como prazo de contrato.
Nunha primeira fase, que tivo carácter concorrente, adxudicáronse 14 locais que se atopan xa en fase avanzada de adaptación dos mesmos para iniciar a súa actividade. A esta fase de concurso presentáronse 89 candidatos.
Os vinte locais adxudicados neste proceso contribuirán de maneira notable á dinamización social desta zona da cidade, un dos obxectivos primordiais da actividade do CCVV desde a súa creación en 2005. Atópanse distribuídos nun total de oito rúas nas denominadas zonas alta e baixa do Casco Vello, destacando a concentración nalgunhas delas como Ferrería, San Sebastián ou Abeleira Menéndez, con catro establecementos en cada unha delas. A localización e uso de cada un dos locais promovidos e xa alugados polo CCVV pode consultarse na seguinte ligazón: LOCAIS