O concurso gastronómico ” Retapas” comeza a quentar o ambiente para a Reconquista do Casco Vello
Vigo, 12 de marzo de 2019.- Cando apenas se apagaron os últimos rescoldos do Entroido o Casco Vello comeza a quentar motores para a súa cita anual máis importante: A Reconquista. E este ano, e visto a boa aceptación alcanzada na súa primeira edición , esta preparación recae na celebración do concurso “Retapas”, que organiza a Asociación Cultural e Veciñal Casco Vello. Así, desde a pasada fin de semana e ata o próximo 27 de marzo, os visitantes do emblemático barrio vigués poden degustar as tapas presentadas polos 26 establecementos de restauración que se sumaron á iniciativa. O prezo destas rolda os dous euros e os comensais recibirán unha folla nas que recollerán as súas valoracións para dar coa elaboración que mereza alzarse co galardón de mellor tapa do Casco Vello. Ademais ao depositar os seus votos entrarán a participar nun concurso para conseguir lotes de produtos ofertados por distintos patrocinadores da iniciativa.
Para facilitar a mecánica do concurso a organización, como xa ocurriera o ano pasado, editou uns planos nos que se recolle o emprazamento dos restaurantes e bares participante, que se dividen en cinco zonas: Porta do Berbés (A Taberna de Luchi, Novo Pepe con Pau, A Parra, Pizzería la Olívica, Pepe con Pau e A Pulga), Porta do Mar (Bocadini, Calma Chicha, El Mosquito, Galalata e La Sabrosa), Porta da Falperra (La Contenta, A Retranca, O Polbo Bar, Taberna A Mina e Gravina), Porta do Sol (Lume de Carozo, Juanita Gastrobar, La Centralita, Margarita e Cosmos) e Porta da Gamboa (Vaicheboa, Demetrio Long Food, Cervecería Nós, Paparrúa e Majagua ). Hai aínda tempo dabondo para poder percorrelos todos: anímasche?