O Comité Executivo do CCVV aproba a súa undécima adquisición na Praza da Ribeira do Berbés
Esta popular zona é unha das que tivo unha maior intervención por parte do Consorcio
O investimento da operación acada os 175.500 €
O comité executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), reunido esta mañá baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez, aprobou a compra conxunta das dúas vivendas e o baixo comercial que constitúen o edificio situado na Praza da Ribeira do Berbés, número 25, nunha operación que supón a súa décimo primeira adquisición neste popular enclave vigués. O importe total do investimento do CCVV nesta operación é de 175.500 €.
O edificio que agora se adquire iniciouse en 1922, aínda que con posterioridade engadiuse unha segunda planta. A superficie da parcela onde se levanta é de 180 m².
A ficha técnica do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) Casco Vello, que regula as intervencións neste ámbito, específica que Berbés 25 ten un interese arquitectónico e histórico Medio, pero elévao ata Moi Alto no relativo á categoría urbanística. O edificio foi baleirado restando soamente o arco de medio punto que supoñía o seu acceso desde o Berbés. .
A Praza da Ribeira do Berbés é un dos puntos onde o Consorcio Casco Vello de Vigo realizou unha maior actividade ao longo do seu case vinte anos de existencia. De feito, dos 23 edificios que a conforman o CCVV interveu na recuperación de oito, aos que se sumará pronto o agora adquirido. Ata o momento creáronse seis novas vivendas e un local comercial nas promocións realizadas nos números 29-31 (que se agruparon nunha única construción) e 41. Pronto se sumarán outras dúas residencias xa que, na actualidade, están a levarse a cabo as obras de rehabilitación do número 41. Ademais, o Consorcio, participado nun noventa por cento pola Xunta de Galicia e un dez por cento polo Concello de Vigo, cedeu o edificio situado no número 5 para a creación do Albergue de Peregrinos de Vigo e os dos números 11,13 e 15 para o seu reagrupamento e creación da Sede da Universidade de Vigo no centro urbano. O Consorcio tamén adquiriu os edificios situados nos números 7 e 27, cuxos proxectos de rehabilitación están pendentes de execución.