O CCVV renova o seu programa de erradicación de pintadas sen custo para os veciños do barrio antigo

 

  • A presidenta do organismo, María José Bravo Bosch, supervisou hoxe as actuacións do programa coa limpeza dun grafitti nunha fachada da rúa Teófilo Llorente. O persoal da empresa adxudicataria do servizo, “Clinarte S.L.”, opera mediante un sistema de nova xeración, baseado en micropartículas de sílice de baixa presión. 
  • A campaña de eliminación de pintadas no Casco Vello, que conta cun novo orzamento de 18.000 euros (sen IVE), é unha ferramenta eficaz para eliminar todo tipo de grafittis, pintadas e carteis das fachadas dos inmobles.
  • Dende a súa implantación hai agora catro anos, investíronse 128.000 euros nas 583 actuacións levadas a cabo nas distintas zonas do Casco Vello, na súa maioría sobre superficies de pedra, metal e madeira. So durante o ano pasado erradicáronse un total de 172 pintadas. 

Vigo, 6 de xuño de 2012.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, supervisou hoxe as actuacións que se desenrolan dentro do novo programa de erradicación de pintadas no barrio antigo que, unha vez máis, é de balde para os veciños e veciñas que o soliciten. 

Bravo Bosch, acompañada pola arquitecta do CCVV, Nuria Campos, supervisou o traballo feito por un operario da empresa, encargado da eliminación dun grafitti nunha fachada don úmero 49 da rúa Teófilo Llorente. O Consorcio renova así este programa por un importe de 18.000 euros (sen IVE) coa empresa adxudicataria do servizo de limpeza, “Clinarte S. L.”, que utiliza un sistema de nova xeración, baseado en micropartículas de sílice baixa presión. 

O programa de erradicación de pintadas co que conta o organismo dende hai catro anos é unha ferramenta eficaz para eliminar todo tipo de grafittis, pintadas e carteis nas fachadas dos inmobles situados no Casco Vello. Dende 2008, o CCVV investiu 128.000 euros e levou a cabo un total de 583 actuacións, na súa maioría en soportes de pedra, metal ou madeira. Actúase tamén sobre outros tipos de soportes coma ladrillo, bloque, vidro e superficies pintadas, e segundo o tipo do que se trate utilízase o sistema de eliminación máis axeitado. Só durante 2011 erradicáronse un total de 172 pintadas. 

Os traballos executados pola empresa adxudicataria do programa non só cinguíronse á eliminación de grafittis de todo tipo, senón que tamén levou a cabo outras labores coma tratamento de protección antipintadas, mantemento nas zonas previamente protexidas e pintado das superficies agredidas. Todas as solicitudes presentadas no CCVV son atendidas sen custo para os propietarios e propietarias de inmobles da zona vella.

A idea que persigue este programa é mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas e dos visitantes do Casco Vello. O CCVV considera básico erradicar numerosas pintadas que sofren fachadas e outros elementos inmobiliarios. As pintadas van máis alá do estético, xa que incrementan a sensación de abandono e suciedade dunha zona en pleno proceso de rehabilitación integral.  

Inmobles do CCVV Na actualidade, o organismo –participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello- é propietario de medio centenar de inmobles. Deles, 15 xa están completamente rehabilitados e puxeron no mercado 52 vivendas e 13 locais comerciais. Outros 17 están agora mesmo en obras e, logo da súa rehabilitación, ofrecerán 26 vivendas e 6 baixos comerciais, mentres que 6 máis están en proxecto e pendentes de inicio de obra que darán outras 14 vivendas e 4 locais comerciais.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.