O CCVV rematará en primavera outras 9 vivendas e un local comercial do cuarteirón Ferraría-San Sebastián
- Lucía Molares, que visitou está mañá as obras da couzada sita na parte alta do barrio antigo, animou aos interesados nas vivendas a que se inscriban no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta para poder acceder as mesmas.
- A delegada da Xunta e presidenta do Consorcio estimou que o IGVS iniciará o procedemento para realizar o sorteo e adxudicar estas novas vivendas a partires do mes de marzo, co que antes de rematar este ano o Casco Vello contará con estes novos residentes.
- Das nove Vivendas de Protección Autonómica (VPA), catro son dun dormitorio, tres de dous dormitorios e dúas vivendas de tres dormitorios. Os pisos contan con superficies entre os 56,60 metros cadrados e os 108,90m2 e os prezos oscilan dende os 100.392,55 euros aos 193.158,11 euros. É a primeira vez que o CCVV porá no mercado pisos de tres dormitorios.
- Na intervención integral sobre os números 11, 13, 17 e 19 da rúa Ferraría e dos números 1, 3, 5 e 7 da rúa San Sebastián recuperáronse as lareiras de pedra, ademais dos muros e os balcóns de gran importancia patrimonial.
Vigo, 10 de xaneiro de 2012.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Lucía Molares, anunciou hoxe que as obras de rehabilitación do cuarteirón Ferraría-San Sebastián das que sairán outras 9 Vivendas de Protección Autonómica (VPA) e un local comercial rematarán esta mesma primavera.
Molares, acompañada polo xerente do CCVV, Alfonso Ramos, polos arquitectos e polos responsables da empresa que están a acometer as obras, informou da boa marcha da rehabilitación integral dos edificios dos números 11, 13, 17 e 19 da rúa Ferraría e dos números 1, 3, 5 e 7 da rúa San Sebastián que conforman o denominado cuarteirón Ferraría-San Sebastián. Na intervención, que está a levar a cabo a construtora Diconsa, recuperáronse as lareiras de pedra ademais dos muros e os balcóns de gran importancia patrimonial.
A delegada da Xunta recomendou ás persoas interesadas en mercar unha destas novas vivendas que se inscriban no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, requisito indispensable para poder acceder a elas xa que, coma recordou Molares, seguirase o mesmo procedemento a través de sorteo público e ante notario que o CCVV realizou coas primeiras 34 vivendas rehabilitadas que xa teñen adxudicatarios e que, nalgúns casos –concretamente 25-, xa residen nos seus novos pisos.
Molares explicou que a partires de agora –e mentres as obras estean na súa etapa final- o Consorcio Casco Vello iniciará os trámites administrativos para realizar a adxudicación das vivendas. Así, a presidenta do CCVV informou que no sorteo participarán as persoas xa inscritas a día de hoxe na modalidade de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado, na opción de Compra, ou os que se inscriban a partires de agora e ata que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) execute o inicio do procedemento de adxudicación das vivendas que, coma anunciou Molares, estímase que sexa ao longo do vindeiro mes de marzo. Unha vez iniciado este trámite, os interesados disporán de 15 días hábiles para formalizar a petición de inclusión do sorteo concreto desta promoción de nove VPA.
Unha actuación de 1,2 millóns de euros O Consorcio Casco Vello de Vigo está a investir 1,2 millóns de euros na rehabilitación completa deste primeiro cuarteirón propiedade do CCVV -participado nun 90% pola Xunta e no 10% restante polo Concello de Vigo-, pero xa ten en marcha tamén outra actuación noutro cuarteirón, o denominado Castelo de San Sebastián onde se están a investir máis de 2 millóns de euros para poñer no mercado outras 19 vivendas e catro locais comerciais, logo da intervención de nove inmobles completamente en ruínas.
A recuperación da couzada Ferraría-San Sebastián é sobre unha superficie total construída de 1.146 metros cadrados que abarca sete parcelas, todas elas de escasas dimensións mantendo o parcelario orixinal para obter un baixo comercial de aproximadamente 100 metros cadrados e 9 vivendas, das que catro son dun dormitorio; tres de dous dormitorios e dúas vivendas de tres dormitorios. É a primeira vez que o CCVV porá no mercado pisos de tres dormitorios.
As superficies dos pisos van dende os 56,60 metros cadrados ata os 108,90 metros cadrados e os prezos oscilan dende os 100.392,55 euros aos 193.158,11 euros. Como marca a normativa da VPA, o prezo máximo de venda por metro cadrado de superficie útil da vivenda 1.773,72 euros.
33 novas familias no barrio histórico Unha vez rematadas as obras do cuarteirón Ferraría-San Sebastián, previstas durante a primavera, o IGVS procederá novamente a abrir o proceso de adxudicación destas 9 VPA. Durante o ano 2011, sorteáronse 34 vivendas e xa foron entregadas aos seus propietarios un total de 25, novas familias que xa formalizaron as súas escrituras e hipotecas e que xa residen no barrio histórico. Estas vivendas están ubicadas nas rúas Real, 16 (tres pisos), Santiago, 19 (un piso), Santiago 11-13-15-17 (oito pisos), Abeleira Menéndez, 11 (un piso) e Abeleira Menéndez 13-15 (seis pisos) e unha segunda fase con 15 VPA emprazadas nas rúas Abeleira Menéndez 18-20 (catro pisos), Abeleira Menéndez 24-26 (cinco pisos) e Cruz Verde, 5 (seis pisos).
Ase mesmo, o pasado 30 de decembro, Lucía Molares entregou as chaves aos primeiros oito adxudicatarios das 12 Vivendas de Promoción Pública (VPP) en réxime de aluguer sitas na Ferraría-Subida ao Castelo e destinados a mozos e mozas de entre 18 e 35 años. En total, ao longo do pasado ano asentáronse no barrio antigo un total de 33 novas familias.