O CCVV investirá 191.632 euros na rehabilitación de Abeleira Menéndez 16

  • O seu comité executivo aprobou hoxe este investimento que dotará á zona dunha nova vivenda de dúas habitacións e dun novo local comercial

 

Fachada do proxecto aprobado hoxe.

Vigo, 2/05/2019.- A empresa COVIASTEC, S. L. será a encargada de executar a rehabilitación de Abeleira 16, no que constitúe a quinta promoción que o Consorcio Casco Vello de Vigo acomete nesta importante vía da zona alta do barrio histórico vigués. Esta decisión foi adoptada no transcurso do comité executivo do CCVV que tivo lugar esta mañá, baixo a presidencia de Ignacio López-Chaves, delegado de la Xunta de Galicia en Vigo. A rehabilitación de Abeleira Menéndez 16 supoñerá un investimento de 191.639,35 euros (máis IVE), aos que se ha de sumar o custo da súa adquisición, aprobada polo Consorcio en decembro de 2017. A actuación permitirá dotar a esta zona do Casco Vello dunha nova vivenda e un novo local, que se suman ás 17 vivendas e 6 locais construidos nesta mesma rúa polo CCVV desde a súa creación en 2005. O local comercial, que ocupará a planta baixa, estará aberto a Abeleira Menéndez, en tanto que á vivenda accederase pola rúa lateral que no seu día creo o Concello de Vigo para facilitar a comunicación na zona. A vivenda estará distribuída en dúas plantas, e contará con dúas habitacións. A superficie total construída do edificio é de 189,72 m2, dos que 68,2 corresponden ao baixo comercial. A superficie útil será de 140,42 m2, dos que 48,32 serán os destinados ao local instalado na planta baixa. 

 En canto á distribución, na planta primeira da vivenda situaranse os dous dormitorios, de 12,48 e 10,86 m2 respectivamente, así como un baño e un lavadoiro/ tendal. Na segunda planta estarán situadas a cociña, cunha superficie próxima aos 9 m2, o comedor, de 30,07 m2, e un aseo. Tamén se sitúa nesta planta un balcón de 6,59 m2 que percorre toda a fachada cara a Abeleira Menéndez. En canto ao local comercial, conta cun vestíbulo onde se situarán distintos equipamentos técnicos do edificio, un aseo e un pequeno patio interior de 3,80 m2 que favorece a iluminación interior.

 

Fachada, patio e reixa

A nova promoción do CCVV realízase sobre un edificio que ocupa unha leira de 68,20 metros cadrados que, como consecuencia do seu mal estado de conservación, foi baleirado interiormente, conservándose tan só a fachada cara a Abeleira Menéndez. No seu lateral norte encostáronse unhas escaleiras para favorecer a mobilidade na zona, que constituíron un dos principais condicionantes do proxecto de recuperación. A solución proposta contempla a apertura cara a esas escaleiras, por onde se situará o acceso á vivenda, dun patio que permitirá “respirar” ao edificio e rememorará a horta coa que contaba a construción orixinal. Este patio, por cuestións de intimidade dos ocupantes da vivenda, estará pechada por unha reixa de aceiro forxado.

 En canto ás fachadas do edificio conservarase, como esixe o Plan Especia de Protección e Reforma Interior que rexe as intervencións no casco vello, a orientada cara a Abeleira Menéndez, en tanto que para a lateral óptase por un cerramento menos tradicional, no que o principal material será o vidro. Esta decisión xustifícase na presenza na mesma zona de dous edificios de recente construción que xa non sigen a tipoloxía tradicional na zona, a Central de Notificacións e a pinacoteca Fernández del Riego, polo que a nova fachada plántese como “arquitectura ponte” entre estes novos elementos e as edificacións anteriores.

O novo edificio caracterizarase tamén por contar con dous tipos de cuberta: a dúas augas na parte principal, en tanto que o seu lateral norte contará cunha cuberta axardinada para facilitar a integración coa nova contorna que supuxo a construción das citadas escaleiras.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.