O CCVV inicia as obras do cuarteirón Castelo de San Sebastián cunha primeira rehabilitación de 3 edificios por un importe
- Lucía Molares asistiu hoxe ao inicio dos traballos que se desenvolverán nos números 8-12-14 da rúa San Sebastián, e que suporá poñer no mercado outras 4 novas vivendas e 1 local comercial.
-
A obra, realizada pola empresa adxudicataria Dicsa, conta cun período de execución de 11 meses, co que se estima que os traballos estean rematados no vindeiro verán.
-
No pasado mes de febreiro se iniciaron as obras do cuarteirón Ferraría-San Sebastián por un importe de 1,2 millóns de euros. Con estas dúas intervencións, máis as futuras que se realizarán na rúa Ferraría, e a ubicación do Rexistro Civil de Vigo, o CCVV cambiará totalmente a imaxe da parte alta do Casco Vello.
Vigo, 29 de xullo.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Lucía Molares, asistiu hoxe ao inicio das obras do cuarteirón Castelo San Sebastián cunha primeira rehabilitación de 3 edificios situados na rúa San Sebastián e que suporá a posta no mercado de 4 novas vivendas e 1 local comercial.
Molares, acompañada polo xerente do organismo, Alfonso Ramos, polos técnicos directores da obra e polos responsables da empresa construtora, Dicsa, destacou a relevancia da adxudicación de dita obra na parte alta do barrio antigo vigués, que xunto ás xa comezadas no cuarteirón Ferraría-San Sebastián no pasado mes de febreiro, e as que están a punto de comezar en varios edificios da rúa Ferraría e a futura ubicación do Rexistro Civil de Vigo, permitirán a recuperación integral da parte alta do Casco Vello, unha das zonas máis degradadas do barrio histórico.
A actuación rehabilitadora que hoxe iniciou a súa andaina céntrase nos números 8-12-14 da rúa San Sebastián e o orzamento de adxudicación ascende a un total de 385.000 euros. Da intervención sairán 4 novas vivendas de protección autonómica (VPA) con prezos que osiclarán entre os 77.139,08 euros (sen IVE) e os 130.669,95 euros (sen IVE) e superficies que irán dende os 43,49 aos 75,52m2. Das 4 vivendas, todas contan con rocho e 2 son de 1 dormitorio e outras dúas de 2 habitacións.
A actuación prevista en San Sebastián 8-12-14 céntrase na rehabilitación de 3 edificios, mantendo as súas fachadas de pedra. Levantáranse 3 andares (2 alturas máis baixo), con 2 vivendas por andar e cunha escaleira común, comunicando as parcelas mediante ocos nas medianeiras. A estrutura interior será de madeira, con apoio nos muros de carga existente.
Os traballos nesta mazá da parte alta do Casco Vello teñen un período de execución de 11 meses, co que se estima que estean rematadas no vindeiro verán.
En canto á rehabilitación xa iniciada no pasado mes de febreiro no cuarteirón denominado Ferraría-San Sebastián, as obras avanzan a bo ritmo. Nesta actuación, o CCVV inviste 1,2 millóns de euros, e dela sairán 9 vivendas e 1 local comercial.
O CCVV -participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello de Vigo- xa ten adquiridos 44 inmobles, dos cales 15 xa están totalmente rehabilitados. Un total de 13 locais comerciais xa están dispoñibles, co obxectivo de fomentar a actividade empresarial na zona do barrio antigo, e 52 vivendas xa son habitables.
Na actualidade, o CCVV traballa na execución de 9 locais comerciais e 42 vivendas, da cales 9 están iniciadas, 15 licitadas e 18 en fase de proxecto.
14 vivendas entregadas aos seus adxudicatarios Molares sinalou tamén que na xornada de hoxe o CCVV continuou coa entrega de chaves aos primeiros adxudicatarios das 19 primeiras VPA que o Consorcio sacou ao mercado. Así, no día de hoxe, a presidenta fixo entrega das chaves ao adxudicatario do 2ºA da promoción de Abeleira Menéndez 13-15, que se una á outra realizada a semana pasada -a do 1ºA da promoción Santiago 11-13-15-17-. Coa de hoxe, xa son 14 as VPA entregadas polo CCVV logo de formalizar as súas hipotecas e as escrituras das novas propiedades.
A presidenta do CCVV, que estivo presente na firma ante notario tanto do 2ºA de Abeleira Menéndez 13-15 como do 1ºA de Santiago 11-13-15-17, agradeceu aos novos propietarios pola súa aposta por elixir o barrio antigo da cidade coma o seu lugar de residencia.
O 2ºA de Abeleira Menéndez conta cunha superficie de 50,64 metros cadrados e un dormitorio, e ten un prezo de 90.000 euros, mentres que o 1ºA de Santiago 11-13-15-17 costa máis de 93.500 euros, ten un dormitorio e conta cunha superficie de 49,52m2.
Sorteo de 15 novas VPA A delegada lembrou tamén que o procedemento para sacar ao mercado outras novas 15 vivendas de protección autonómica (VPA) do Consorcio Casco Vello segue os seus trámites e que, tras a publicación no día de onte do listado definitivo de admitidos e excluídos, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) realizará o correspondente sorteo o vindeiro xoves 4 de agosto ás 10.00 horas da mañá no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Vigo.
Molares explicou que se tratará dun sorteo ante notario, e público, co que poderán asistir todas as persoas que estean inscritas en calqueira das tres promocións que corresponden a estas 15 novas vivendas, e que participarán no sorteo. Así, sortearanse as vivendas das promocións relativas a Cruz Verde, 5 (6 vivendas); Abeleira Menéndez 18-20 (4 vivendas) e Abeleira Menéndez 24-26 (5 vivendas). Contan con superficies que oscilan entre os 40,19 e os 83,04 metros cadrados e uns prezos que van dende os 71.285,81 euros aos 147.289,71.
Tras o sorteo do IGVS, sairá unha lista de adxudicatarios e reservas. Despois, o CCVV convocaraos a un novo sorteo para a asignación das vivendas.