O CCVV inicia a rehabilitación de Ferrería 33-35, que porá no mercado a primavera que vén 4 vivendas e un baixo comercial
- A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, asistiu hoxe ao comezo das obras de recuperación de dous edificios sitos na emblemática rúa Ferrería, logo da rúbrica da acta de replanteo coa empresa construtora.
- O prazo de execución a partir de agora é de once meses co que a previsión é que Ferrería 33-35 poida estar completamente rehabilitado durante a primavera do ano que vén. O organismo investirá na reforma dos dous inmobles un total de 466.203,70 euros (sen IVE).
- A actuación do CCVV nesta nova promoción permitirá poñer no mercado outras 4 Vivendas de Protección Autonómica (VPA) de un 3 dormitorios –2 pisos serán dúplex-, cunhas superficies que oscilan entre os 47,25 metros cadrados e 88,35 metros cadrados. Os prezos van desde os 83.808,27 euros o máis barato e 156.708,16 euros o máis caro.
- Na actualidade, o ente é propietario de medio centenar de inmobles. Deles, 15 xa están completamente rehabilitados saíndo ó mercado 52 vivendas e 13 locais comerciais. Outros 20 están agora mesmo en obras e, logo da súa rehabilitación, ofrecerán 30 vivendas e 7 baixos comerciais, mentres que 4 máis están en proxecto e pendentes de inicio de obra dos que resultarán outras 10 vivendas e 3 locais comerciais.
Vigo, 21 de xuño de 2012.- A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, supervisou hoxe o inicio das obras de rehabilitación do inmoble sito na rúa Ferrería 33-35. Con esta actuación se porán no mercado outras 4 vivendas de Protección Autonómica (VPA) e un local comercial. A previsión é que os pisos e o baixo poidan estar rematados durante a primavera do vindeiro ano.
Bravo Bosch, acompañada polo xerente do organismo e os arquitectos do proxecto, informou -dende os propios inmobles- que logo da rúbrica da acta de replanteo cos responsables da empresa adxudicataria das obras, o CCVV investirá un total de 466.203,70 euros (sen IVE). Na actualidade, xa se baleirou o interior dos dous edificios que se atopan nun estado total de ruína e abandono.
Da actuación do organismo resultarán 4 pisos de protección autonómica de un e 3 dormitorios –dous dos cales serán dúplex-, cunhas superficies que abarcan dende os 47,25 metros cadrados ata os 88,35 m2. Os prezos oscilan entre 83.808,27 euros o máis barato e 156.708,16 euros o máis caro. Xunto a estes 4 pisos, o CCVV tamén rehabilitará na planta baixa do inmoble un local comercial de 52,95 metros cadrados.
A presidenta do CCVV aproveitou tamén para facer un breve percorrido polas actuacións que o organismo está a levar a cabo na rúa San Sebastián 8-12-14 e no cuarteirón Ferrería-San Sebastián (Ferrería 11-13-17-19 e San Sebastián 1-3-5-7),e cuxa finalización e inminente. De feito estas dúas promocións forman parte do proceso aberto para un novo sorteo de VPA que realizará o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) nas vindeiras semanas.
Tras a intervención de San Sebastián 8-12-14 sairán ó mercado 4 VPA e un baixo comercial. Das 4 VPA, 2 son dun dormitorio máis un rocho e 2 de 2 dormitorios e un rocho. As superficies van dende os 43,49 m2 ós 75,52 m2 e os prezos oscilan entre os 77.139,08 euros e os 133.951,33 euros. En canto á mazá de Ferrería-San Sebastián poranse no mercado 9 VPA e un baixo. Das 9 VPA, 4 delas son dun dormitorio, 3 de 2 dormitorios e 2 de 3 dormitorios. As superficies van dende os 56,60 m2 ós 108,90 m2 e os prezos oscilan entre 100.392,55 euros e 193.158,11 euros. É a primeira vez que o CCVV pon á venda pisos de 3 dormitorios.
Actuación integral na parte alta Na zona superior do Casco Vello céntranse os esforzos de recuperación nestes intres e, na actualidade, un total de 20 inmobles xa están en obras no entorno do Castelo de San Sebastián cun investimento superior aos 3,5 millóns de euros. O CCVV é propietario, a día de hoxe, de medio centenar de inmobles. Deles, 15 xa están completamente rehabilitados dando como resultado a posta no mercado de 52 vivendas e 13 locais comerciais. Outros 20 están agora mesmo en obras e, logo da súa rehabilitación, ofrecerán 30 vivendas e 7 baixos comerciais, mentres que 4 máis están en proxecto e pendentes de inicio de obra, de xeito que sairán ó mercado outras 10 vivendas e 3 locais comerciais.
Os 20 inmobles que na actualidade atópanse en obras na zona alta do Casco Vello son os seguintes:
-O cuarteirón Ferrería-San Sebastián (Ferraría 11,13,17,19 e San Sebastián 1,3,5,7) visitado hoxe pola presidenta
-O cuarteirón Castelo-San Sebastián (Hortas 10-12 e San Sebastián 8-12-14 –este último visitado hoxe tamén por Bravo Bosch-. Con respecto a Hortas 10-12 sairán 5 vivendas: 3 de 2 dormitorios e 2 dun dormitorio. As superficies van dende os 66,67 m2 e 107,89 m2 e os prezos oscilan entre 118.253,91 euros e 191.366,65 euros.
–Ferrería 25-27-29-31 dos que sairán 6 vivendas e 4 locais comerciais. Das 6 VPA: 5 son de 2 dormitorios e 1 dúplex con 3 dormitorios. As superficies van dende os 56,81 m2 ós 116,55 m2 e os prezos oscilan entre os 100.765,03 euros e os 206.727,07 euros.
–Canellón do Estreito, 12 que terá 2 VPA de un e dous dormitorios, cunhas superficies de 62,75 metros cadrados e 92,52 m2, respectivamente.
–Ferrería 33-35 que rehabilitará outras 4 VPA e un local comercial.. Terán un e tres dormitorios –dous pisos serán dúplex-, cunhas superficies que están entre 47,25 metros cadrados e 88,35 metros cadrados. Os prezos oscilan entre 83.808,27 euros o máis barato e 156.708,16 euros o máis caro.
Bravo Bosch recordou ademais que o CCVV adquiriu hai uns meses os números 3, 5, 7, 45 e 47 desta mesma Ferraría para proceder tamén á súa recuperación integral.
Proceso aberto 18 VPA Nuns días publicaranse as listas definitivas de admitidos para o terceiro sorteo que fará o IGVS o vindeiro 2 de xullo, no salón de actos do edificio administrativo da Xunta en Vigo. Trátase doutras 18 VPA rehabilitadas polo organismo –participado nun 90% pola Xunta en un 10% polo Concello-. Foron 110 persoas as que, no prazo establecido, decidiron inscribirse neste novo procedemento de adxudicación de pisos de protección autonómica que se atopan nas rúas San Sebastián, Ferrería e Hortas e teñen entre 1 e 3 dormitorios e uns prezos que oscilan entre 77.139,08 euros e 193.158,11 euros.