O CCVV finaliza o ano cunha nova adquisición – a terceira durante 2024- na Praza da Ribeira do Berbés
O investimento de 315.000 euros permite facerse cunha “casa mariñeira”, modificada ata converterse nun edificio de catro alturas
O Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido á primeira hora desta tarde baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez, aprobou a adquisición, por un importe de 315.000 €, do edificio situado no número 9 da Praza da Ribeira do Berbés. Trátase dun edificio de planta baixa – na actualidade usada como almacén- e catro alturas que, aínda que sufriu distintas modificacións ao longo do tempo, mantén aínda en parte a tipoloxía de “casa mariñeira” distintiva das vivendas da zona. Respondendo a esta tipoloxía o edificio conserva na planta baixa os arcos de pedra que conforman os soportais característicos destas vivenda así como parte da fachada de pedra orixinal.
De acordo con a ficha do PEPRI Casco Vello de Vigo, que regula as intervencións urbanísticas nesta zona, a construción sitúase sobre unha parcela de 70,12 m² , cunha fronte orientada cara á praza do Berbés de tan só 3,09 metros. Serán necesarias a realización de obras para dotala das necesarias condicións de accesibilidade e adaptar a edificabilidade aos parámetros establecidos no citado documento, que fixan o aproveitamento da superficie permitida en 281,92 metros cadrados. O PEPRI sinala, así mesmo, que o edificio conta cun nivel de interese histórico ALTO que se eleva ata MOI ALTO no apartado de interese urbanístico. Os dous edificios lindeiros foron adquiridos con anterioridade polo Consorcio Casco Vello de Vigo. O número 11 forma parte na actualidade da sede urbana da Universidade de Vigo, en tanto que o número 7 carece aínda de proxecto de construción, o que abre a posibilidade dunha agregación co agora adquirido para lograr unha rehabilitación máis acorde coas características e distribución das vivendas demandadas na actualidade.
Seis vivendas
A compra aprobada hoxe é a terceira acometida polo CCVV na Ribeira do Berbés ao longo do ano que está a piques de terminar, xa que no mes de xuño aprobouse a adquisición do edificio situado no número 27 e, a principios deste mes de decembro, a da parcela correspondente ao número 25. En total o investimento para estas tres adquisicións foi de 768.500 euros, aos que se han de sumar os destinados á execución da rehabilitación do número 39. En total, a intervención do Consorcio Casco Vello permitiu ata este momento a incorporación de 6 novas vivendas e un local comercial á oferta inmobiliaria nesta popular praza, aos que proximamente se engadirán dúas novas residencias no número 39. O número total de edificios adquiridos por este organismo na praza é de doce, contando coa compra acordada hoxe. Catro deles teñen unha finalidade social xa que, mediante senllos convenios de colaboración, foron cedidos para a posta en marcha da citada sede da Universidade e para a creación do albergue de peregrinos de Vigo.