O CCVV conmemora os seus vinte anos de actividade cun acto institucional que reúne a axentes sociais e políticos
O vixésimo aniversario da creación do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) foi celebrado esta mañá a través dun acto institucional, no que participaron boa parte dos axentes sociais e profesionais que interviñeron no seu labor ao longo destas dúas décadas. O acto, que contou coa presenza do Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda , serviu como recoñecemento ao labor conxunto e continuado realizada por todos eles para afrontar o obxectivo principal co que se iniciou o seu labor en 2005: a recuperación urbanística e para a cidadanía desta zona de Vigo.

Entre os asistentes atopábase a exalcaldesa Corina Porro, baixo cuxo mandato se deron os primeiros pasos do CCVV, así como os expresidentes deste ente Santiago Domínguez, Lucía Molares e Ignacio López-Chaves. Tamén asistiron o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, quen interveu para sinalar a importancia que neste plan de renovación do Casco Vello tivo a integración no mesmo de organismos e entes oficiais como a sede urbana da mesma Universidade, os Rexistros da Propiedade,ou Xulgados do Civil. Tamén interveu o presidente da delegación en Vigo do Colexio de Arquitectos (COAG), Manuel Martínez, que destacou a calidade arquitectónica das rehabilitacións realizadas, conxugando o respecto ás edificacións antigas cos niveis de calidade e confort contemporáneos.
A actual presidenta do CCVV, a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, destacou na súa intervención o orgullo de presidir un organismo que “é exemplo de execución de resultados tanxibles”. Pola súa banda, a concelleira de urbanismo do Concello de Vigo, María José Caride, representante do outro organismo integrante do Consorcio, puxo o foco no consenso alcanzado no obxectivo común de recuperar esta zona da cidade.
Modelo exportable
O acto foi clausurado polo presidente da Xunta, quen acompañado por algúns dos invitados e autoridades percorreu varias rúas e establecementos do Casco Vello. Na súa alocución agradeceu o labor levado a cabo por todos aqueles que formaron parte da historia do Consorcio, tanto dos equipos técnicos como dos responsables políticos de distinto signo e destacou, así mesmo, a adecuación do modelo de intervención que supuxo o CCVV, que o fan exportable a outros ámbitos. Finalizou ratificando o compromiso da administración autonómica para seguir impulsando novas actuacións de rehabilitación no próximos anos.