O CCVV aproba a que será a súa décima adquisición na praza do Berbés
Vigo, 27 de xuño do 2024.- O comité executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), reunido esta mañá baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez, aprobou a adquisición do edificio situado no número 27 da praza do Berbés que, de acordo con os obxectivos fundacionais deste organismo, será rehabilitado nun futuro próximo co ánimo de contribuír á recuperación desta zona para a cidadanía.
A edificación agora adquirida, por un importe de 278.000 euros, é un edificio de planta baixa e tres pisos cunha superficie construída, segundo a súa referencia catastral, de 642 metros cadrados. Aséntase sobre unha parcela de 190 m² na que existe tamén unha construción, dunha soa planta, con acceso desde a rúa Poboadores. Foi construído en 1900, aínda que o edificio ao longo do tempo experimentou varias reformas, entre elas o engadido dunha das plantas. Segundo a ficha do PEPRI Casco Vello de Vigo, o edificio ten un interese arquitectónico e histórico medio. A rehabilitación que se acometa deberá respectar varios elementos distintivos, especialmente o arco que configura o soportal que se abre cara á praza do Berbés, a fachada de pedra e os balcóns e varandas dos pisos superiores.
Esta adquisición é a décima efectuada polo CCVV na popular praza viguesa do Berbés. As mesmas permitiron a creación ata este momento de 6 vivendas, xa habitadas tras a súa adxudicación. A estas seis, situadas nos números 29, 31 e 41, sumaranse próximamente outras 2 procedentes da rehabilitación do edificio situado no número 39. Outros catro edificios foron cedidos polo Consorcio para a creación da sede urbana da Universidade de Vigo (na agrupación dos números 11,13 e 15) e do Albergue de Peregrinos de Vigo, promovido pola Consellería de Turismo da Xunta de Galicia, no número 5. O Consorcio adquiriu tamén o edificio situado no número 7, pendente aínda de rehabilitación.
Elduayen 39-Ferrería 16
Por outra banda, na mesma reunión do comité executivo, aprobouse a posta en marcha do proceso de adxudicación das obras da promoción Elduayen 39-Ferrería 16, que supoñerá a creación de 5 novas vivendas nesta céntrica zona da cidade. A actuación, que levará a cabo sobre a agrupación de dúas parcelas adquiridas polo CCVV en decembro de 2019 e de acordo con o proxecto presentado polo arquitecto Alfredo Sirvent Silveira, conta cun orzamento de execución, distribuído en dous exercicios, de 1.161.127,05 euros.
A reunión do órgano directivo do Consorcio serviu así mesmo para dar conta do inicio dos traballos de elaboración do plan de actuacións deste organismo para o período 2026-2030, unha vez que conclúa o actual, que abarca o período 2018-2025.