O CCVV agradece a distinción de APROIN, que recoñoce a súa labor rehabilitadora no Casco Vello de Vigo
Vigo, 10 de decembro-. A presidenta do Consorcio Casco Vello (CCVV) e delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, agradeceu hoxe a distinción que a Asociación de Promotores Inmobiliarios da provincia de Pontevedra (Aproin) concedeu á mellor actuación inmobiliaria en rehabilitación dentro da edición número 17 dos seus premios “Edificio Gallego10” e que este ano recaeu na promoción levada a cabo polo organismo nos números 11-13-15-17 da rúa Santiago.
Para a responsable da entidade, que recolleu o galardón de mans do director xeral de Novacaixagalicia, José Luis Pego, esta distinción recoñece a labor rehabilitadora que o CCVV realizou no barrio histórico de Vigo dende o seu inicio, hai agora cinco anos, e destacou así o traballo feito polo Consorcio -participado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo-. Na sua opinión, as actuacións feitas ata o de agora axudan na procura da recuperación integral do barrio histórico e permiten así, un cambio na fisonomía do Casco Vello. Ademais, e coma lembrou Molares, as rehabilitacións levadas a cabo permitirán, nos vindeiros meses, a chegada de novas familias ás primeiras vivendas de protección autonómica que sairán ao mercado en réxime de prezo concertado. “É un recoñecemento ao traballo feito no momento no que se poñen no mercado ás primeiras vivendas rehabilitadas”, valorou a presidenta.
A promoción rehabilitada e que recibiu onte o premio de Aproin, da que se destacou a súa imaxe interior e cuidada ademais dos seus acabados e moderno deseño, foi a de Santiago 11-13-15-17, da que resultaron un total de oito vivendas e catro locais comerciais cunha superficie construida total de 926,54 metros cadrados. Precisamente, esta promoción é unha das primeiras que sairá ao mercado próximamente e que realizará o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
O CCVV encargou aos arquitectos Gabriel Santos Zas e Césareo Padrón Conde o proxecto, consistente na recuperación dun grupo de parcelas contiguas de pequenas dimensións sitas nos números 11, 13, 15 e 17 da rúa Santiago, na parte alta do Casco Vello de Vigo, para uso residencial, mantendo a conformación da estrutura parcelaria orixinal, ademais de compartir o núcleo de escaleiras e ascensor. As unidades residenciais organizáronse tratando de sacar partido da súa xeometría e optimizando o espazo de modo que se agrupan os catro edificios orixinais cun núcleo de comunicacións verticais para producir vivendas dun e dous dormitorios, mantendo unha proporción que as fan atractivas para futuros ocupantes.