O CCVV adquire outros 4 inmobles na Ferraría para rehabilitalos e ofrecer maior número de vivendas de protección autonómica
- A presidenta do Consorcio Casco Vello, María José Bravo Bosch, informou hoxe da compra dos números 5, 7, 45 e 47 da rúa Ferraría, que pasan a formar parte do organismo para proceder a súa rehabilitación.
- Ditos edificios atópanse completamente abandonados e nun grado importante de deterioro co que a súa recuperación permitirá seguir avanzando no cambio de imaxe no que se atopa inmersa a parte alta do barrio antigo, onde xa están en obras un total de 20 inmobles.
- Tras a compravenda ante notario materializada esta mesma mañá, a presidenta visitou os inmobles que, unha vez rehabilitados, ofrecerán un maior número de vivendas de protección autonómica (VPA) e que se veñen a sumar ás 34 vivendas xa adxudicadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e ás outras 24 que se sortearán nos vindeiros meses.
- O Consorcio Casco Vello de Vigo xa é propietario de máis de medio centenar de inmobles, dos que 15 xa están completamente rehabilitados.
Vigo, 20 de abril de 2012.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, informou hoxe da adquisición doutros 4 inmobles na rúa Ferraría que, tras a súa rehabilitación, porán no mercado un maior número de vivendas de protección autonómica (VPA), e que se veñen a sumar aos 34 pisos xa adxudicados polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e aos outros novos 24 que serán sorteados nos vindeiros meses en dúas novas fases.
Bravo Bosch, que realizou unha visita a ditos edificios, explicou que se trata da adquisición dos números 5, 7, 45 e 47 da rúa Ferraría. O acto de compravenda materializouse esta mesma mañá ante notario. Os 4 inmobles, xa propiedade do CCVV, atópanse nun estado importante de deterioro e completamente abandonados, co que a súa rehabilitación permitirá seguir adiante co cambio de imaxe no que se atopa inmersa a parte alta do barrio antigo. Foron adquiridos por un prezo sensiblemente inferior o seu valor de mercado e segundo valoracións realizadas por tasadoras independentes. Coma dixo a presidenta, o prezo chega a ser un 10% menor do valor de mercado.
Con estas adquisicións, o Consorcio xa é propietario de máis de medio centenar de inmobles, dos que 15 xa están completamente rehabilitados. Precisamente, na zona alta do Casco Vello se centran os esforzos de recuperación nestes momentos e, na actualidade, un total de 20 inmobles xa están en obras no entorno do Castelo de San Sebastián.
A presidenta do Consorcio aproveitou tamén para facer un breve percorrido polas actuacións que o organismo ten en marcha nestes momentos na rúa Ferraría. Trátase dunha actuación en catro edificios nos números 25-27-29-31 de dita rúa, no que resultarán 6 vivendas e 4 locais comerciais. Delas, 1 vivenda será de tres dormitorios (dúplex) e as outras 5 de dous dormitorios. As súas superficies oscilan entre os 56,81 m2 e os 116,55 m2. Os traballos contan cun investimento superior aos 620.000 euros e as obras está previsto que rematen a finais do mes de novembro. Estas vivendas –tamén VPA- se porán ao mercado nunha 4ª fase e os seus prezos oscilarán entre os 100.765,03 euros e os 206.727,07 euros.
Rexistro de Demandantes de Vivenda da Xunta O CCVV –participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello- está a investir en total máis de 2,8 millóns de euros na rehabilitación completa das 24 VPA que serán sorteadas proximamente, en dúas fases diferentes (18 VPA primeiro e 6 VPA despois), por parte do IGVS. Estes novos 24 pisos de protección autonómica sumaranse aos outros 34 das mesmas características e que xa foron adxudicados. A día de hoxe, xa son 30 as novas familias que residen no barrio histórico.
Bravo Bosch aproveitou novamente para animar aos vigueses e viguesas a que non deixen pasar a oportunidade de formar parte da recuperación e revitalización do barrio histórico e que se inscriban no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia para poder optar a unha destas 24 vivendas. Os interesados teñen que estar inscritos no réxime de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado no apartado de compra. Asemade, e unha vez que, nas vindeiras datas, o IGVS publique a resolución co inicio do procedemento do sorteo é fundamental a solicitude concreta para participar en dito sorteo mediante escrito dirixido ao rexistro e cuxo modelo se poderá atopar na páxina web do Instituto Galego de Vivenda e Solo ou na Delegación Territorial deste organismo. Con todo, a delegada avanzou o inicio hoxe mesmo dunha campaña informativa en medios de comunicación para achegar ao máximo número de cidadáns vigueses os promenores desta posta no mercado dos novos pisos.
Características das 24VPA As 18 vivendas correspondentes á terceira fase de adxudicación están nestes momentos en plena execución das súas obras e estímase que estean rematadas coma moi tarde, durante o período estival. Son as seguintes:
-Ferraría 11-13-15-San Sebastián 1- 3-5-7:
9 vivendas: 4 dun dormitorio, 3 de 2 dormitorios e 2 de 3 dormitorios. As superficies van dende os 56,60 m2 e 108,90 m2 e os prezos oscilan entre os 100.392,55 euros e os 193.158,11 euros.
-Hortas 10-12:
5 vivendas: 3 de 2 dormitorios e 2 dun dormitorio. As superficies van dende os 66,67 m2 e 107,89 m2 e os prezos oscilan entre os 118.253,91 euros e os 191.366,65 euros.
-San Sebastián 8-12-14:
4 vivendas: 2 dun dormitorio+rocho e 2 de 2 dormitorios+rocho. As superficies van dende os 43,49 m2 e os 75,52 m2 e os prezos oscilan entre os 77.139,08 euros e os 133.951,33 euros.
Con respecto á cuarta fase das outras 6 vivendas que aínda non serán sorteadas, por atoparse as obras de rehabilitación nun estado de execución menos avanzado -que esta mañá visitou a delegada da Xunta- e que tamén serán VPA son:
-Ferraría 25-26-27-31:
6 vivendas: 5 de 2 dormitorios e 1 dúplex con 3 dormitorios. As superficies van dende os 56,81 m2 e os 116,55 m2 e os prezos oscilan entre os 100.765,03 euros e os 206.727,07 euros.
Reunión coa Asociación de Veciños do Casco Vello María José Bravo Bosch mantivo recentemente unha reunión cos representantes da Asociación de Veciños do Casco Vello, os cales amosaron o seu interese porque a presidenta, acompañada do vicepresidente do CCVV, realizara unha visita ao barrio histórico. Os veciños trasladáronlles a súa satisfacción coa boa actuación que se está a levar a cabo na parte alta da zona antiga para conquerir a súa total recuperación e Bravo Bosch explicoulles que, unha vez que o entorno do Castelo de San Sebastián estea completamente rehabilitado, estudarase a posibilidade de ampliar as actuacións noutras zonas do casco histórico, coma por exemplo, a fachada do Berbés ante a falta de actuación por parte do goberno municipal.