O Casco Vello prepárase para o Samaín
O Samaín atópase xa ao virar a esquina e, como desde hai xa varios anos, a celebración (máis ou menos influenciada ou impulsado pola moda americana do Halloween) deste vello rito celta no Casco Vello convértese nunha das datas marcadas no calendario de actividades festivas da nosa cidade.
Organizado pola Asociación de Veciños Casco Vello Vigo, a Praza do Berbés acollerá desde as cinco da tarde do próximo martes 31 de outubro os distintos actos organizados con motivo desta celebración. Así, á hora citada, iniciarase un taller de maquillaxe e decoración de calacús que irá seguido, ás seis, da actuación de Fantoche Baj.
Tras este preludio, máis orientado ao público infantil, comezará o tradicional magosto, con prezos populares, que amenizará a espera ata que ás oito póñase en marcha o prato forte desta celebración: o paseo polo Casco Vello dunha festiva Santa Compaña, para o que os organizadores animan a todas aquelas persoas que queiran participar a que se caractericen para a ocasión. Como colofón a esta tradicional festa ás oito e media da tarde terá lugar unha foliada de defuntos.
Por outra banda, a mesma entidade que organiza esta actividade, a Asociación de Veciños Casco Vello Vigo, continúa este fin de semana coas súas xornadas de divulgación micolóxica. Mañá, venres 27, se inaugura na sede desta entidade unha mostra de cogomelos habituais no campo galego que se complementará con dúas conferencias. A primeira delas terá lugar o mesmo venres, ás oito da tarde, e correrá a cargo de María Cabaleiro, que desenvolverá o tema “Os Cogomelos: nin plantas nin fungos”; a segunda terá lugar o sábado e será impartida por Hugo Fernández que abordará o tema “Cómo domesticar cogomelos”. Estas xornadas concluirán o domingo cunha nova saída aos montes de Vigo para colleitar e clasificar novos exemplares.