O Casco Vello Alto aumenta a súa poboación
De forma pausada, pero constante, o labor de rehabilitación levada a cabo polo Consorcio Casco Vello de Vigo vai obtendo os seus froitos no relativo á mellora da calidade de vida da ata non fai moito unha das zonas máis degradada da cidade.
Este feito ten a súa tradución nun incremento da poboación naquelas áreas onde a actividade rehabilitadora deste organismo tivo unha maior incidencia, segundo despréndese dos datos do último padrón de habitantes ofrecido polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que recolle un leve incremento da poboación no distrito 1, que engloba as zonas de Rosalía Castro, García Barbón, Alameda e Casco Vello. En concreto, e segundo a desagregación dos datos deste organismo ofrecido por Atlántico Diario, o barrio de Ferrería (San Sebastían) ten a data de 1 de xaneiro de 2016 un total de 652 habitantes censados, o que supón un incremento do 20 por cento desde o apenas medio milleiro con que contaba en 2011. No denominado Casco Vello Alto concentráronse ata este momento boa parte das actuacións deste consorcio integrado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (90%) e o Concello de Vigo (10%), que permitiu recuperar máis dun centenar de vivendas e locais comerciais, co obxectivo de rehabilitar a zona máis antiga do centro urbano vigués.
Outras zonas dentro do ámbito de actuación do consorcio Casco Vello manteñen a súa poboación, caso do denominado Barrio do Cura, en tanto que a situación non mellorou na zona do Berbés, que perde veciños á espera de que actuacións como a instalación dun centro de apoio da Universidade de Vigo consigan reverter esta tendencia.
O incremento de poboación só se repìte noutro dos distritos da cidade, o de Navia, unha zona de recente creación, en tanto que o resto dos distritos en que se divide o centro urbano perden veciños, ata situar o censo en 292.817 habitantes, segúndo o INE, o los 297.770 de acordo cos datos do propio concello vigués.