Nova semana de intensa actividade cultural no Casco Vello
Cinema cubano, un recital en homenaxe a Puccini, outro póetico e un gran acto que poñerá fin á exposición Koyaanisqatsi sucederanse a partir de mañá.
Da man da fundación Évame Oroza e da Societá Dante Alighieri Vigo, o Casco Vello de Vigo será novamente escenario dunha ampla actividade cultural ao longo desta semana. A mesma comezará mañá mesmo, martes 26, coa proxección no local de Évame Oroza (Subida á Costa, 5), dentro da programación do seu cineclub, da película cubana “Adiós”. Ao concluír a proxección terá lugar un debate no que participará a protagonista do filme, a actriz Orisel Gaspar.
O día 28, xoves, as dúas institucións citadas ao principio deste texto organizan senllas actividades. Así, “ladante” Vigo, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Conservatorio Superior de Música de Vigo, organiza un recital en homenaxe ao compositor Giacomo Puccini. O mesmo terá lugar na sede do Conservatorio vigués, na rúa Manuel Olivié 23, a partir das oito da tarde, nel participarán o tenor José Antonio Campo Edesa acompañado ao pianoforte por Brais González Pérez e Severino Ortiz Rey.
Por outra banda, Évame Oroza organizou un gran acto de despedida para a exposición “ Koyaanisqatsi, teatro da memoria”. Con tal motivo, unha comitiva integrada polos responsables da exposición, membros da asociación e público en xeral desprazarase ata a sede de Évame Oroza no Casco Vello precedidos pola formación de tamboriis da ETRAD (Escola Municipal de Música Folk e Tradicional). Unha vez no local procederase, tras unha pequena conversación entre Alfonso Armada, Din Matamoros e Darío Basso, impulsores da exposición, ao desmonte da mesma, á vista de todos os asistentes, mentres se lembra, a través dos obxectos que a forman, a traxectoria desta iniciativa cultural.
Finalmente, tamén organizado por Évame Oroza na súa sede da coñecida como praza do Abanico, o venres 29, ás 20:00 horas levará a cabo un recital póetico a cargo de Graciela Baquero Ruibal. A poeta lerá poemas do seu libro “Crónicas de Olvido”, recentemente reeditado por Tigres de Papel.