Mención nos Premios Galicia de Arquitectura 2023 ao edificio Redeiras

O edificio inaugurouse en maio de 2021.

Vigo, 7 de novembro d0 2023.- O edificio Redeiras, situado na praza do Berbés e construído pola Universidade de Vigo, grazas a un contrato de cesión de superficie de tres edificios propiedade do CCVV, obtivo unha mención nos Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa convocatoria de 2023. Este recoñecemento, na categoría de Rehabilitación, baséase, segundo reflíctese na páxina que explica a adxudicación dos distintos galardóns, na valoración por parte do xurado de “que se trata dun edificio dotacional, innovador no uso descarado da madeira e dunha complexidade estrutural morfolóxica notable, cun importante peso da memoria histórica da cidade”.

O edificio Redeiras é, sen dúbida, una das achegas arquitectónicas máis singulares no labor de recuperación do Casco Vello de Vigo para a cidadanía abordada nas últimas dúas décadas por distintos axentes, entre eles o CCVV. Concibido pola Universidade de Vigo como un medio de achegar a súa actividade á contorna urbana os responsables do seu deseño expuxérono como unha fusión entre a madeira, un elemento vinculado á zona do Berbés pola súa tradición naval, e a pedra, presente desde a aparición deste barrio, especialmente nos seus populares soportais que a obra agora recoñecida mantén. O resultado é, segundo os seus creadores, “unha caixa dentro doutra: madeira e pedra”.

A construción, exteriormente caracterízase pola súa rompedora fachada oeste, na que, sobre o soporte das partes pétreas que aínda se conservaban dos edificios preexistentes, completouse a altura autorizada mediante unha celosía de piares de madeira laminada que “integra estrutura, protección solar e imaxe nun só elemento coa verticalidade suxerida pola normativa e o sinal dun edificio institucional”. A mesma solución, convenientemente alixeirada por mor da complexidade urbana da contorna nesa zona e da menor incidencia solar, adóptase na fachada este de a construción.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.