Medio centenar de profesionais do sector da construción e rehabilitación de inmobles participan nos IV Encontros do CCVV
Vigo, 24 de xuño de 2010.- Os IV Encontros do Consorcio Casco Vello de Vigo. Intervención pública nun conxunto histórico deron comezo esta mañá na sede do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) de Vigo, onde se reuniron ao redor de medio centenar de profesionais do sector da construción e rehabilitación de inmobles para intercambiar impresións e analizar a implicación das Administracións públicas na recuperación dos conxuntos históricos. As xornadas comezaron a primeira hora da mañá coa presentación de Ricardo Valencia, director técnico de Construcións e Calidade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), e Alfonso Ramos, xerente do Consorcio, para continuar despois coas primeiras ponencias a cargo dos arquitectos Martín de Cominges, Antonio Hernández, Javier Franco e Vicente Pintos. Despois, a presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo e delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, deu a benvida aos arquitectos encargados de levar a cabo os proxectos e as obras de rehabilitación dos 36 inmobles propiedade do CCVV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo, e que hoxe participaron nas xornadas. Molares agradeceulles o traballo feito nos inmobles rehabilitados nos que actuaron e destacou a calidade dos materiais empregados en cada intervención. Así, sinalou que é nesta liña da rehabilitación na que debe seguir traballando o Consorcio Casco Vello e recordou que, neste mesmo ano, os vigueses e viguesas poderán acceder ás primeiras 27 vivendas completamente rehabilitadas polo CCVV, e que suporán un gran paso para lograr “ese calor que queremos darlle ao Casco Vello e que lle dará vida, que é o que necesita”, subliñou Molares. Neste senso, recordou que a proximidade ao mar do Casco Vello e a recente posta en funcionamento do Porto de Vigo coma base de cruceiros “non é soamente unha oportunidade para recuperalo, senón tamén para conseguir a dinamización da cidade, do turismo e do comercio”.A presidenta do Consorcio matizou tamén que a aposta de institucións coma APEC no barrio histórico dotarán de vida administrativa a zona antiga, o que suporá “unha magnífica oportunidade para que o 2010 sexa o ano da revitalización e rexurdimento do Casco Vello”. Tras as súas palabras, os arquitectos que participaron na rehabilitación dos inmobles das rúas Abeleira Menéndez, Real, Santiago, Cruz Verde, Ferrería, San Sebastián-Subida ao Castelo e Hortas, a maioría de Vigo, explicaron técnicamente e polo miúdo en qué consistiron os proxectos que levaron a cabo. Ao longo das xornadas tamén participaron a directora da oficina de rehabilitación de Vigo, Ana Sánchez, así coma os encargados das actuacións previstas para dotar ao barrio histórico dunha Pinacoteca e dun Centro Galego de Fotografía. Actualidade do Consorcio Casco Vello de VigoAo longo do ano 2010 o CCVV terá totalmente rematadas 52 vivendas, 27 das cales sairán ao mercado despois do verán en réxime de protección autonómica, mentras que no ano 2011 serán un total de cen.