Magnífico roteiro polo Casco Vello
Como xa vos comentamos no anterior post, o pasado luns 7 celebrouse o Día Mundial da Arquitectura 2013, baixo o lema “Cultura-Arquitectura”. E o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia organizou un roteiro polo Casco Vello para celebrar o premio outorgado á recuperación do Casco Histórico de Vigo na XII Bienal de Arquitectura.
A iniciativa consistiu nun percorrido polo conxunto das intervencións e rehabilitacións levadas a cabo na parte alta do Casco Vello coas explicacións correspondentes dos seus arquitectos.
Á convocatoria asistiron máis dun cento de amigos, que estiveron acompañados por María José Bravo Bosch, delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo, e por Antonio Davila, presidente do COAG en Vigo, e que puideron apreciar de primeria man todo o traballo de recuperación que se está a facer no barrio histórico.
Desde o Paseo de Alfonso, o roteiro seguiu pola emblemática rúa Ferraría, onde o CCVV rehabilitou varios inmobles. Despois, os asistentes puideron ver as obras que se están a acometer no cuarteirón Castelo de San Sebastián, así como algunas das vivendas aínda baleiras no cuarteirón Ferraría-San Sebastián.
Nestas fotografías mostrámosvos algúns momentos da visita. Esperamos que a desfrutarades tanto coma nós!