Lucía Molares recolle cinco Premios GranDeArea 2011 por proxectos de rehabilitación levados a cabo polo Consorcio Casco Vello
- Trátase de tres promocións de vivendas xa acabadas en Real, 16, Santiago 11-13-15-17 e Abeleira Menéndez 24-26 e de dúas novas obras que xa están en marcha no cuarteirón Ferraría-San Sebastián e Hortas 10-12.
Vigo, 26 de maio.- Un total de cinco proxectos do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) foron galardoados este ano polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) pola súa achega á arquitectura actual no marco dos IX Premios GranDeArea 2011. Trátase de tres promocións de vivendas rehabilitadas polo CCVV no barrio histórico da cidade e que xa están rematadas nas rúas Real, 16; Santiago 11-13-15-17 e Abeleira Menéndez 24-26 ademais doutras dúas novas obras –neste caso no entorno do Castelo de San Sebastián- que nestes momentos xa están en marcha no cuarteirón Ferraría-San Sebastián e na rúa Hortas 10-12.
Os proxectos galardoados recibiron esta tarde os seus diplomas durante o acto de entrega dos IX Premios GranDeArea de Achega á Arquitectura, que se levou a cabo na sede viguesa do Colexio de Arquitectos e ao que acudiu a delegada da Xunta en Vigo e presidenta do CCVV. Lucía Molares foi a encargada de recoller as distincións en nome do Consorcio coma promotor dos cinco proxectos de rehabilitación no Casco Vello da cidade.
Na súa intervención, Molares agradeceu o COAG os galardóns e destacou o traballo feito polos arquitectos encargados dos cinco proxectos do CCVV e que se distinguen polo seu coidado deseño e pola boa idea de mixturar aspectos clásicos, tradicionais e patrimoniais dunha zona histórica con técnicas máis modernas e de arquitectura actual para conseguir así o “fantástico” resultado “que teñen as vivendas xa rematadas e que tamén terán as que xa se atopan en obras”, considerou.
Así, resaltou que nas tres promocións galardoadas e que xa están rematadas -Real, 16; Santiago 11-13-15-17 e Abeleira Menéndez 24-26- se conseguiu unha rehabilitación integral “dunha gran calidade” e que avoga pola “recuperación do patrimonio e pola modernidade”. “Son as dúas liñas nas que traballa o Consorcio”, matizou Molares. Tras a intervención destas tres promocións deuse coma resultado un total de 16 vivendas, das cales 11 xa foron adxudicadas en réxime de protección autonómica e as outras 5 serán sorteadas nos vindeiros meses tamén como Vivendas de Protección Autonómica (VPA). A presidenta do CCVV lembrou que tanto as vivendas de Real, 16 como as de Santiago 11-13-15-17 recibirán aos seus novos propietarios nas vindeiras semanas.
As tres promocións que recibiron o Premio a Obra Terminada foron levadas a cabo por Varela Villamor-Masforma Arquitectos (Real, 16); Dicsa-Gabriel Santos Zas e Cesáreo Padrón Conde (Santiago 11-13-15-17); e Varela Villamor-Martín de Cominges (Abeleira Menéndez 24-26).
Mentras, no caso das outras dúas promocións que xa están en marcha pero sen finalizar, e xa no apartado de Premio ao Proxecto, os galardoados foron Perfecto Cendón e Javier Vázquez polo cuarteirón Ferraría 11-13-15-17-San Sebastián 1-3-5-7 e Gerardo de Villanueva Ferrer e Francisco J. Vázquez Fernández por Hortas 10-12. No cuarteirón Ferraría-San Sebastián sairán 9 vivendas e un local comercial mentras que na promoción de Hortas 10-12 se porán no mercado 5 vivendas máis cando as obras estean rematadas. Nestes casos, ubicados no entorno do Castelo de San Sebastián, os proxectos teñen coma obxectivo recuperar a imaxe e tipoloxía das vivendas da zona histórica cun sistema construtivo tradicional que combina os espazos novos co parcelario orixinal.
Rehabilitación integral do CCVV Os cinco proxectos do CCVV, que se inclúen na lista de premiados do COAG e que nesta edición distinguiu a un total de 22 obras, recoñecen o labor de rehabilitación levado a cabo polo CCVV dende os seus inicios no ano 2005.
O CCVV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo, ten adquiridos 44 inmobles, dos cales 15 xa están totalmente rehabilitados. Un total de 13 locais comerciais xa están dispoñibles, co obxectivo de fomentar a actividade empresarial na zona do barrio antigo, e 52 vivendas xa son habitables.
Na actualidade, o CCVV traballa na execución de 9 locais comerciais e 42 vivendas, da cales 9 están iniciadas, 15 licitadas e 18 en fase de proxecto.