Lucía Molares considera que a imaxe de Vigo e o seu casco histórico terá unha proxección nacional e internacional coa difusión do documental ‘Novo Vigo Vello’

  • A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo  participou esta tarde na estrea oficial en Vigo da longametraxe, á que asistiu o seu protagonista, o actor Luís Tosar
  • ‘Novo Vigo Vello. Vida e xente na reconquista do Casco Vello de Vigo’, é unha produción de Filmanova enmarcada dentro das accións do ‘Plan de Competitividade Turística de Vigo, Turismo Urbano e Ría’
  • Está dirixido por Eduardo Rolland e protagonizado por Luís Tosar, Antela Cid, Fran Peleteiro e os propios veciños da zona antiga de Vigo

Vigo, 18 de febreiro de 2011.- A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Lucía Molares, presenciou hoxe a estrea oficial en Vigo do documental ‘Novo Vigo Vello. Vida e xente na reconquista do Casco Vello de Vigo’, longametraxe producida por Filmanova que forma partes das accións promocionais do Plan de Competitividade Turística de Vigo, Turismo Urbano e Ría –cuxo convenio de colaboración foi rubricado entre Xunta, Concello de Vigo e Turespaña no ano 2009- e que hoxe se levou a cabo no Centro Social Novacaixagalicia ante máis de 300 persoas contando, asemade, coa presenza do seu protagonista, o recoñecido actor internacional Luís Tosar. Segundo a representante da Administración galega na cidade, esta cinta supón “unha oportunidade única” para proxectar a imaxe de Vigo e do seu barrio histórico a nivel nacional e internacional.

A delegada do Goberno galego na cidade participou na rolda de prensa posterior xunto ao tenente de alcalde de Vigo, Santiago Domínguez; o director da cinta, Eduardo Rolland; o productor executivo, Antón Reixa; e os actores do filme, Luís Tosar, Antela Cid e Fran Peleteiro. Ao acto, tamén acudiron os “outros protagonistas” da cinta: os propios veciños do Casco Vello, para os que Lucía Molares tivo unhas verbas especiais de agradecemento polo seu traballo como actores.

Na súa intervención, a responsable da Xunta agradeceu a labor levada a cabo polo director do documental así coma por todo o equipo técnico encargado da realización e produción desta cinta que, coma dixo, “amosa a recuperación do noso Casco Vello a través dunha historia de amor”.

Para a delegada territorial da Xunta, este documental é “unha boa mostra do que se consegue cando as Administracións traballan de forma coordinada”. Así, sinalou que gracias ao Plan de Competitividade Turística e ao traballo levado a cabo dende o Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) “a promoción e recuperación do barrio histórico da cidade comeza a ser unha realidade”.

Molares recordou así que a través deste documental se amosa unha imaxe de Vigo “da que nos debemos sentir orgullosos” ademais de resaltar que se conseguirá unha proxección no exterior dos múltiples valores turísticos e culturais que ten a cidade. “A imaxe de Vigo e do seu casco histórico terá unha proxección a nivel nacional e internacional”, dixo a delegada da Xunta, quen destacou que non podía existir mellor embaixador, o actor Luís Tosar, para levar a cabo dita promoción. “Suporá un recoñecemento e un efecto chamada”, considerou, explicando tamén que a cinta poderá ser vista a través das proxeccións programadas nas parroquias da cidade así coma en diversos festivais de documentais.

Con todo, a delegada da Xunta destacou asemade que esta longametraxe amosa un traballo de recuperación e rehabilitación da zona antiga no que tamén ten un protagonismo especial a labor que realiza o CCVV –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo-. Molares destacou que a proxección do filme “coincide no tempo” cunha época na que xa se ven resultados. “Xa se comezan a ver os primeiros froitos desa labor rehabilitadora que ten o Consorcio”, dixo a presidenta do organismo, engadindo que o obxectivo pasa por “recuperar íntegramente o noso casco histórico, un enclave privilexiado ao lado do mar, coa Ría de fondo e que supón a porta de entrada para miles de turistas nacionais e internacionais ao situarse enriba do porto vigués”.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.