López-Chaves analiza con Down Vigo a constitución dun dereito de superficie dun inmoble na rúa Real
- O delegado territorial da Xunta, recentemente nomeado presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), mantivo hoxe un encontro cos responsables da Asociación para o Síndrome de Down de Vigo
- Down Vigo amosou o seu interese en dispoñer dunhas novas instalacións no barrio histórico da cidade co fin de facilitar os seus servizos aos seus asociados ademais de contribuír á dinamización social da zona antiga
- O expediente tramitado polo Consorcio Casco Vello de Vigo para o número 27 da rúa Real precisa agora do visto bo do Consello de Administración para proceder despois á firma do contrato
- A constitución do dereito de superficie sería a título gratuíto por 40 anos e permitiría ao CCVV, sen perda da súa propiedade, rehabilitar o inmoble mentres que o colectivo tería que construír o edificio axustado ás determinacións do Plan Especial de Reforma Interior do Casco Vello (Pepri)
Vigo, 04 de novembro de 2015.- O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, recentemente nomeado presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), mantivo esta mañá un encontro co presidente e a directora da Asociación para o Síndrome de Down – Down Vigo, Fernando Molina e Ana Tejada, respectivamente.
O motivo da reunión non foi outro que analizar a proposta que a asociación Down Vigo puxo enriba da mesa do Consorcio para dispoñer dunha nova sede no barrio histórico da cidade co fin de que “teñan unhas instalacións máis amplas” porque, coma matizou o delegado, “dende hai tempo os seus locais non son suficientes”.
Neste senso, López-Chaves gabou o obxectivo da asociación por “mellorar a calidade de vida” das persoas con síndrome de Down ademais de cumprir “unha función moi importante” de atención e orientación así coma por conseguir “unha integración social, laboral e escolar” das persoas con este tipo de discapacidade.
Así, tras amosar o seu interese en abrir estas novas instalacións na zona antiga co fin de facilitar os seus servizos aos seus asociados así coma para contribuír á dinamización social do Casco Vello, coma informou o delegado e presidente do Consorcio, o organismo estuda levar a cabo unha cesión dun dereito de superficie sobre o inmoble situado no número 27 da rúa Real, propiedade do CCVV, a favor desta asociación sen ánimo de lucro. “Desde o Consorcio temos a finalidade, non so de facer a función de adquisición e rehabilitación de bens e inmobles co fin de revitalizar o barrio histórico senón tamén de que asociacións coma estas poidan ter unhas instalacións nunha zona que é de vital importancia”, considerou López-Chaves.
Deste xeito, esta fórmula permitiría ao Consorcio, sen perda da súa propiedade, rehabilitar o inmoble mentres que Down Vigo tería que construír o edificio que precisa para os seus fins e sempre axustado ás determinacións do Plan Especial de Reforma Interior do Casco Vello (Pepri). Así, a constitución do dereito superficial sería a título gratuíto e cunha duración de 40 anos a partir da inscrición rexistral. “Adquirirá un solar para ter unha sede máis ampla e para o Consorcio é unha idea moi interesante”, valorou o delegado.
O expediente para levar a cabo a cesión do dereito de superficie a favor de Down Vigo xa está tramitado por parte do CCVV e precisa agora do visto bo do Consello de Administración, que se reunirá en vindeiras datas. Tras ter a súa aprobación –os acordos sempre se toman por unanimidade de todos os seus membros- procedería despois a firma do contrato-convenio en escritura pública coa finalidade de que Down Vigo desenvolva a súa actividade. Entre as obrigas da asociación, estaría o prazo de execución das obras, que sería de 3 anos prorrogable a un máis por causa xustificada contados a partir da firma do contrato.
A proposta de Down Vigo para o Casco Vello Coma informou López-Chaves, o inmoble do número 27 da rúa Real, obxecto da cesión do dereito de superficie, é propiedade do Consorcio e aparece recollido no Plan de Actuación 2013-2017 do CCVV. A parcela ten unha superficie de 334 metros cadrados cunha edificabilidade, segundo a normativa vixente, que chega aos 1.260 m2. “Ampliará as súas instalacións en máis de 1.000 metros”, explicou o presidente do CCVV. Actualmente, o edificio está demolido conservando unicamente a fachada principal. As características urbanísticas descríbense nas fichas do Pepri permitindo coma usos previstos os sociocultural e recreativo, administrativo e de oficinas, docente, sanitario-asistencial ou deportivo, entre outros.
Down Vigo, creada no ano 1989, é unha asociación de carácter benéfico-social sen ánimo de lucro e declarada de Interese Público dende o ano 2000. O fin do colectivo é a promoción e realización de todas cantas actividades estean encamiñadas á mellora da calidade de vida das persoas con síndrome de Down facendo especial énfase naquelas dirixidas á integración na vida familiar, escolar, social e laboral, podéndose beneficiar destas actividades tamén as persoas con outras discapacidades.
Deste modo, a efectos de conseguir os seus fins, Down Vigo considerou necesario mellorar as súas instalacións co obxectivo de mellorar a prestación dos seus servizos aos seus asociados e ás persoas beneficiarias dos mesmos. Ademais, buscan formar parte da dinamización social da zona antiga. Dita contribución derivaría da súa actividade diaria que, segundo cálculos da propia asociación, suporía un volume aproximado de 208 persoas que día tras día visitarían a entidade.