A Xunta traslada aos veciños e comerciantes do Casco Vello a súa intención de continuar coa recuperación do barrio histórico a través do CCVV

 

  • A vixencia do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) remata o vindeiro mes de decembro, polo que é necesario renovar o convenio rubricado no seu momento e adaptalo á nova realidade do organismo no que a participación das Administracións consorciadas se refire.
  • A proposta de modificación dos Estatutos do organismo -participado nun 90% polo Goberno autonómico e nun 10% polo Concello de Vigo- xa foi presentada aos membros do Consello de Administración do CCVV e establece unha vixencia durante 6 anos máis, ata 2017.
  • A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo, Lucía Molares, mantivo esta mañá un encontro cos representantes da Asociación de Veciños e a Asociación de Comerciantes do barrio para trasladarlles a postura da Administración autonómica.

Vigo, 07 de novembro de 2011.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo, Lucía Molares, mantivo esta mañá un encontro con representantes da Asociación de Veciños do Casco Vello, Cándido Pérez; e da Asociación de Hostaleiros e Comerciantes Vigo Vello, Milagros Domínguez; para trasladarlle o posicionamento da Xunta de Galicia ante a continuidade do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), cuxa vixencia remata o vindeiro mes de decembro.

En declaracións aos medios de comunicación, Lucía Molares deixou claro que o Goberno galego quere “manter a súa implicación” na recuperación do casco histórico “continuando coa vixencia do CCVV durante 6 anos máis, ata o 30 de decembro do 2017”. Molares explicou que o convenio rubricado no ano 2005 debe ser renovado e que nestes momentos se deben adaptar os Estatutos do CCVV á actual realidade do organismo no que a participación das Administracións consorciadas se refire. Con esta máxima presentoulles a proposta de modificación de Estatutos que plantexa o Goberno galego e que xa foi presentada aos membros do Consello de Administración do organismo e que ten coma base unha continuidade por 6 anos máis e unha adaptación á Lofaxga (Lei de Organización e funcionamento da Administración Xeral e do sector público autonómico de Galicia), nova normativa autonómica que regula tanto a Administración Pública da CCAA coma os organismos autónomos que dependen dela.

“Plantexamos unha adecuación ao que son os actuais socios do Consorcio”, dixo a delegada, quen lembrou que o organismo naceu no ano 2005 co 50% de participación de Zona Franca; o 40% da Xunta de Galicia e o 10% restante do Concello de Vigo. No ano 2007 a Xunta adquiriu a participación de Zona Franca, polo que na actualidade o 90% está en mans da Comunidade Autónoma. “Temos que modificar os estatutos en canto a esa modificación que houbo en relación ao ano 2005”, matizou. Coma explicou Molares, esta situación precisa de cambios en canto aos órganos e toma de decisións así coma no que respecta ao control económico-financeiro do CCVV que se deben facer conforme a Lofaxga. “Neste caso ao ter unha participación maioritaria do 90% da Xunta de Galicia se ten que rexer por estas normas”, sinalou a delegada, quen explicou que a proposta da Administración autonómica establece que a presidencia recaia na Consellería que ten o capital –neste caso a de Medio Ambiente-; que as decisións poderían tomarse de tres formas: por unanimidade, por maioría absoluta e maioría simple e, por último, que o control económico e orzamentario debe seguir tamén as normas da Lofaxga xa que ao tratarse dun organismo con capital maioritario autonómico computa para a débeda da CCAA.

Sen embargo, a delegada e presidenta do Consorcio deixou claro que “o máis importante” é o obxectivo do CCVV: recuperar o casco histórico. Neste senso, avogou polo “diálogo” e “consenso” para chegar a un acordo entre administracións e “non haxa ningún impedimento para chegar a un acordo” e continuar coa vida do organismo e seguir traballando na recuperación do barrio. “Seguiremos traballando na parte alta para conseguir esa recuperación integral e esa comunicación dende o Concello e ata a Porta do Sol”.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.