O IGVS fixa a data do 13 de outubro para o sorteo de catro novas vivendas promovidas polo Consorcio

O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) fixo públicas hoxe senllas disposicións na que establece as listaxes definitivas de candidatos admitidos no sorteo de adxudicación das dúas próximas promocións do Consorcio Casco Vello de Vigo. Nas mesmas establécese a data do próximo 13 de outubro para a realización do sorteo que establecerá a orde de adxudicación.
A primeira das promocións incluídas nestas disposicións é a denominada San Sebastían 20-Hortas 2-4; para as dúas vivendas que a compoñen admitíronse un total de 159 candidatos.
A segunda, que tamén dará lugar a dúas novas vivendas, denomínase Ribeira do Berbés 39-San Francisco 2 e o número total de candidatos que entrarán no sorteo elévase ata os 119..
Ambos dous sorteos serán públicos e celebraranse ante notario, a partir das 10:00 horas do citado día 13 de outubro de 2025, no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia, na rúa Concepción Arenal núm.8. Tamén poderán ser seguidos en streaming a través da propia páxina web do CCVV.