O Consorcio adquire a sua primeira propiedade na Praza do Peñasco

Tamén se presentou a solicitude de inicio do proceso de adxudicación de catro novas vivendas
O comité executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), reunido esta mañá baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez, aprobou a adquisición, por un importe de 106.380 euros, da leira correspondente ao número 5 da Praza do Peñasco, nas proximidades do Berbés. Trátase dun solar de 68 metros cadrados de superficie que anteriormente foi ocupado por unha edificación de dúas vivendas, distribuídas en soto e planta baixa, e que foi demolida en 2019 polo seu mal estado de conservación.
Esta compra, a número 89 desde a creación do CCVV en 2005, é a primeira que o Consorcio realiza na praza do Peñasco, aínda que a súa actuación foi especialmente intensa na zona do Berbés nos últimos anos; de feito, a propiedade agora adquirida é lindeira con varios edificios xa rehabilitados ou adquiridos polo Consorcio.
A leira estaba incluída no Plan de Actuación 2022-2025 do Consorcio e prevese que na mesma póidase realizar unha actuación que supoña a creación dun edificio que contará con soto e dúas plantas.
Adxudicacións
Por outra banda, o consello de administración do Consorcio Casco Vello acordou presentar ao Instituto Galego de Vivenda e Solo senllas solicitudes para que este organismo poña en marcha os procesos de selección de candidatos para a adxudicación, mediante sorteo, de catro novas vivendas nas promocións Ribeira do Berbés 39/San Francisco 2 e Hortas 2-4/San Sebastián 20.
Os prezos propostos -pendentes de posibles lixeiras modificacións en función das superficies finais á conclusión das obras- son:
Promoción Ribeira do Berbés 39/San Francisco 2:
VIVENDA A: 209.000 € VIVENDA B: 234.000 €
Promoción Hortas 2-4/San Sebastián 20
VIVENDA A: 263.000 € VIVENDA B: 243.000 €
Unha vez finalizado todo o proceso administrativo que poñen en marcha estas solicitudes o IGVS fará pública a convocatoria dos concursos de adxudicación a través do correspondente apartado da súa páxina web que pode ser consultado nesta ligazón: IGVS CONSULTA CONVOCATORIA