Dúas actividades vinculadas á poesía poñen fin á programación de Évame Oroza en 2023
Vigo, 19 de decembro de 2023.- A poesía será a protagonista da programación cultural que a asociación Évame Oroza levará a cabo esta semana na súa sede do Casco Vello de Vigo (Rúa Subida a Costa, 5).
Serán, en concreto, dúas actividades que se inician hoxe mesmo, ás 19:30 horas, coa presentación do libro “Claustro Corda Comensal”, de Samuel Merino. A obra do poeta de Mos, nacido en 1982, acaba de ser publicada pola editorial Galaxia e recolle novamente o ton íntimo e en aparencia autorreferencial que ata o momento caracterizou a súa poesía. As referencias do propio autor permiten identificar o espazo no que se desenvolve este poemario como un psiquiátrico no que se desenvolve o eu póetico do autor, que “xoga coa dimensión do interior cando o mundo espera fóra, é unha porta que se abre á memoria e unha crónica, unha reflexión sobre o corpo propio e as pantasmas que o rodean”.
Nesta presentación Samuel Merino estará acompañado de María Lado que, precisamente, será a protagonista da segunda actividade programada por Évame Oroza. A poetisa, acompañada de Oriana Méndez, realizarán unha lectura de poemas propios no local desta asociación cultural, a modo de despedida e festexo lírico antes de finalizar o ano. O acto terá lugar o xoves 21, a partir das 21:00 horas.