Consorcio e Abanca ofrecen aos emprendedores un convenio de financiamento específico para adquirir os locais comerciais alugados

_MG_3267

  • Trátase dunha adenda á prórroga do convenio de colaboración financeira para adquisición de vivendas de protección autonómica rehabilitadas polo organismo e que foi rubricado hai unhas semanas.
  • A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, visitou esta mañá o novo local comercial La Rocka, onde sinalou que é a primeira vez que o organismo dispón dun convenio con entidades financeiras para os adxudicatarios dos baixos comerciais.
  • Todos eles poderán gozar dunha serie de vantaxes financeiras tanto para a compra do local comercial como para facer fronte aos gastos propios da posta en marcha do proxecto empresarial
  • Estase ultimando o novo concurso de locais comerciais onde se ofertarán 4 establecementos nas rúas San Sebastián, Cruz Verde e Abeleira Menéndez.

Vigo, 06 de febreiro de 2015.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, informou hoxe da posta en marcha do primeiro convenio de financiamento específico para facilitar a chegada de emprendedores ao barrio histórico e que se suma ao xa vixente para adquisición de vivendas de protección autonómica (VPA). Trátase dunha adenda de ampliación de condicións financeiras ao convenio marco rubricado hai unhas semanas entre o CCVV e Abanca para a adquisición das vivendas rehabilitadas polo organismo.

O anuncio o realizou este venres a máxima responsable do organismo durante unha visita ao local comercial La Rocka, emprazado na rúa Ferrería, 33. Cristina Soutullo e Natalia Correa, as dúas emprendedoras desta tenda de roupa punk e rock, poderán acollerse a dito convenio financeiro se así o desexan tanto para a futura compra do local -pasado un ano desde o inicio da súa actividade empresarial- como para os gastos do desenvolvemento do seu negocio.

Foi o pasado 12 de xaneiro, durante a firma da prórroga do convenio entre Bravo Bosch e o director territorial de Abanca en Vigo, Jorge Martínez Martínez, cando ambos responsables adoptaron un acordo verbal sobre a  vontade de ofrecer tamén outro convenio específico para adxudicatarios dos locais comerciais.

Así, coma informou hoxe a presidenta do CCVV, estes días materializouse dito compromiso para contar con esa adenda destinada aos emprendedores dos locais comerciais alugados. Ao convenio financieiro poderán acollerse tanto os inquilinos dos 15 negocios que xa contan con actividade empresarial no barrio así coma os que pronto comezarán a súa andadura comercial e tamén aqueles futuros adxudicatarios resultantes do vindeiro concurso público de locais comerciais que sacará o CCVV.

Todos eles poderán gozar dunha serie de vantaxes financeiras tanto para a compra do local comercial -pasado un ano desde o inicio da actividade-, como para facer fronte aos gastos propios da posta en marcha do proxecto empresarial.

La Rocka Coma ben din as dúas mozas emprendedoras, La Rocka non é un establecemento de roupa ao uso, senón un proxecto persoal, o de Cristina Soutullo, unha emprendedora de 27 anos que xa non concibe a súa vida sen os atractivos do seu propio estilo de vida: o punk e o rock.

Pero nesta aventura profesional non está soa, acompáñaa a súa boa amiga e tamén deseñadora de moda, Natalia Correa, de 29 anos, que amosa e vende os seus propios deseños de roupa cun estilo único na nova tenda que se atopa na rúa Ferrería. Estas dúas viguesas comparten filosofía de vida e, tras coñecérense nun concerto de Bad Religion hai 3 anos, comezaron a soñar cun espazo onde encaixar os seus coñecementos e, así, o resultado foi La Rocka.

É máis, mañá mesmo, ás 12,00 horas presentan a súa nova colección cunha sesión vermú para todos os interesados. Porque este tipo de iniciativas é o que tamén buscan co seu negocio, que sexa un espazo de venda de roupa pero tamén un lugar de encontro e de realización e organización de eventos propios para darse a coñecer e, o máis importante, para contribuír á revitalización da parte alta do Casco Vello.

_MG_3241Novo concurso locais comerciais A presidenta do CCVV aproveitou a visita a La Rocka para avanzar tamén que en vindeiras datas quedará aprobado un novo concurso público de locais comerciais. Trátase doutros catro baixos dispoñibles nas rúas Cruz Verde, 5;  San Sebastián, 4; San Sebastián, 6; e Abeleira Menéndez, 18.

Dita oferta de baixos comerciais tradúcese de novo en que durante os dous primeiros anos de arrendamento os adxudicatarios contan cun desconto do 50% do seu prezo. En canto ao contrato de aluguer terá unha duración máxima de 5 anos, cunha opción de compravenda transcorrido un ano dende o efectivo desenvolvemento da actividade a desempeñar. Na actualidade, o CCVV corre tamén cos gastos das obras de acondicionamento dos mesmos para axudar aínda máis a chegada de emprendedores.

As rendas mensuais destes catro novos locais comerciais oscilan entre os 108,49 euros e os 218,85 euros e as superficies van desde os 33,71 m2 aos 55,18 m2.

– Local de San Sebastián, 4: superficie útil de 34,03 m2, máis outros 17,64 m2 de patio. Prezo co 50% de desconto: 109,43 euros. Prezo pasados 2 anos: 218,85 euros.

Local de San Sebastián, 6: superficie útil de 33,71 m2, máis outros 16,90 m2.de patio. Prezo do 50% de desconto: 108,49 euros. Prezo pasados 2 anos: 216,97 euros.

Local de Cruz Verde, 5: superficie útil de 46,10 m2, máis outros 27,60 m2 de patio. Prezo co 50% de desconto: 331,75 euros. Prezo pasados 2 anos: 165,88 euros.

Local de Abeleira Menéndez 18: superficie útil de 55,18 m2. Prezo co 50% do desconto: 200euros. Prezo pasados 2 anos: 400 euros.

Ademais, nos vindeiros meses abrirán ao público un obrador e despacho de pan en Ferrería, 17, e Real, 25, respectivamente.

Sorteo das 10 novas VPA Nos vindeiros meses, previsiblemente ao comezo da primavera, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) levará a cabo un novo sorteo de VPA, o quinto dende que o Consorcio comezou a súa posta no mercado hai xa catro anos.

Serán as 10 vivendas xa rematadas no cuarteirón Castelo de San Sebastián (San Sebastián 4-6/Subida ao Castelo 5-7) e para poder acceder a elas os interesados tiñan que estar inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia.

Trátase de pisos que  contan cun dormitorio e con superficies que van desde os 46,24 m2 aos 68,20 m2. O prezo da vivenda máis barata é de 67.048,00 euros, mentres que a máis cara é de 109.120,00 euros. Ademais, o CCVV aínda ten dispoñibles outros 3 pisos que se poden adxudicar de forma directa.

Balance de actividade A día de hoxe, o CCVV –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- adquiriu un total de 70 inmobles, dos cales 40 xa foron totalmente rehabilitados, o que se traduce na consecución de 91 vivendas -74 para venda, 12 para aluguer e 5 para realoxos- e 23 locais comerciais -15 xa teñen actividade empresarial, 3 abrirán proximamente, outros 3 sairán a concurso e os outros 2 son os relativos á sede de APEC e ao novo Servizo de Notificacións e Embargos que abrirá nos vindeiros meses-.

Ademais, 10 inmobles foron transmitidos a outras institucións, incluíndo aquí, entre outros, os últimos 3 edificios da Ribeira do Berbés (números 11-13-15) onde a Universidade de Vigo construirá o seu Centro de Linguas, así coma os 4 inmobles adquiridos polo Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España (Real, 29-31-33 e Alta, 26), onde recentemente levaron a cabo o seu traslado para iniciar así a súa actividade neste novo emprazamento.

En total, xa son 61 as novas familias que residen no Casco Vello desde que o organismo comezou a súa oferta de pisos rehabilitados hai agora catro anos.

 

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.