Consorcio Casco Vello de Vigo: nove anos cun único fin (parte II de II)
Unha vez se terminen os traballos de rehabilitación das edificacións, as vivendas resultantes, ao estar calificadas como Vivendas de Protección Autonómica (VPA), outórganse a través do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda. O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) puxo en marcha catro sorteos para outorgar as 64 vivendas rehabilitadas ata o momento. Desas 64, máis de 50 están xa ocupadas por novas familias que apostaron polo novo barrio histórico. A maioría deses novos propietarios son mozos de entre 25 e 35 anos.
Pero a oferta de vivenda pública tamén incluiu vivendas en réxime de aluguer, que se adxudicaron así mesmo a través do IGVS. Foron 12 as Vivendas de Promoción Pública (VPP) sorteadas, e outras dúas serviron para realoxar a antigos inquilinos de edificios adquiridos para a súa posterior rehabilitación. O sorteo das vivendas realizouse entre mozos de 18 e 35 anos, cuns ingresos de entre 1 e 5,5 veces o IPREM.
Xunto coas vivendas, o CCVV tamén ofertou varios locais comerciais, co obxectivo de dinamizar a zona. Concretamente, foron 21 os rehabilitados, dos cales 19 foron destinados a novos emprendedores: 11 xa teñen actividade, outros 2 abrirán proximamente, 4 acaban de ser adxudicados e outros 2 seguen estando dispoñibles. Javier Teniente, Matina, A tenda do Avó, Vigo Remember ou Espacio Nido son algúns exemplos dos que xa vos falamos.
Pero, ademais de vivendas e locais comerciais, no afán de dinamización do Casco Vello, o Consorcio promove o establecemento de organismos e servizos administrativos no barrio histórico:
- Sede APEC: situada no número 16 da rúa Real.
- Traslado do Servizo Común de Notificacións e Embargos ubicado nos xulgados vigueses: a Xunta de Galicia adquiriu unha parcela do CCVV en San Sebastián, ademais dun local ubicado no número 24 de Abeleira Menéndez.
- Rexistros da Propiedade: trasladaranse aos números 29, 31 e 33 da rúa Real e ao 26 da Alta.
Xunto cos inmobles transmitidos ao Rexitro da Propiedade, foron outros tres os que se pasaron a diferentes institucións:
- Un á Xunta de Galicia para o Rexistro Civil (posteriormente decidiuse ocupalo coa Oficina de Notificacións e Embargos): San Sebastián, 13 + un local rehabilitado en Abeleira Menéndez, 24.
- Dous ao Concello de Vigo: Subida á Costa 4 e rúa Alta 18.
Todo este proceso desembocou na transformación dunha parte histórica e de gran importancia para a cidade. O cambio que se pedía desde hai algún tempo está xa sucedendo, cambio que foi recoñecido a través de varios premios: Premios Gran de Area de Arquitectura, Premio COAG de Arquitectura ou o premio recibido na XII BEAU.
O resultado é froito do traballo dun equipo e da implicación que todos tiveron no proxecto común de recuperación do barrio histórico de Vigo, sen esquecernos desas persoas que apostaron por construír a súa vida familiar e laboral no Casco Vello.