Comeza o proceso de selección para adxudicar as catro vivendas de Real, 13
Vigo, 15 de xuño do 2023.- O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) fixo público hoxe a resolución que pon en marcha o proceso de selección de adxudicatarios das catro vivendas comprendidas na promoción do Consorcio do Casco Vello de Vigo (CCVV) Real, 13 (Expediente PO9-VC-0004/21). Para iso este organismo inicia un prazo de quince días hábiles, contados desde o seguinte á última publicación desta resolución, para que todas aquelas persoas interesadas e que se atopen neste momento inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia poidan solicitar a súa inclusión neste procedemento de compra. Esta inclusión formalizarase nun formulario cuxo modelo se inclúe na citada resolución e que tamén pode descargarse na seguinte ligazón: FORMULARIO MODELO
As catro novas residencias, todas elas dun dormitorio, promovidas polo CCVV en Real, 13 teñen a categoría de Vivenda Protexida de Promoción Privada Autonómica de Réxime Concertado. Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidaturas, e tras as oportunas revisións da documentación achegada, o IGVS fixará unha data para a celebración do sorteo no que se establecerá a orde de adxudicación.
A resolución hoxe publicada inclúe as dimensións finais de cada unha das vivendas unha vez rematadas así como os seus prezo de adxudicación, que quedaron establecidas da seguinte forma:
Vivenda A – planta 1 59,59 m²…. 105.000,00 €
Vivenda B – planta 2 59,59 m²…. 105,712,66 €
Vivenda C – planta 3 62,41 m²…. 110,715,34 €
Vivenda D – planta 4 62,41 m²…. 110.715,34 €