Bravo Bosch promociona o CCVV en FITUR e destaca “o equilibrio entre a modernidade e o patrimonio histórico” nas rehabilitacións
- A delegada da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) presentou hoxe na 34ª Feira Internacional de Turismo, FITUR, as actuacións levadas a cabo polo organismo e que foron premiadas recentemente na XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU).
- No stand de Galicia e baixo o nome “Vigo: Patrimonio Histórico e Natural”, a máxima responsable do CCVV fixo referencia á recuperación integral do barrio antigo e que nada ten que ver xa coa imaxe degradada que ofrecía hai uns anos.
- “Estanse a crear moitas sinerxias e o novo barrio histórico se está a repoboar de xente nova”, dixo Bravo Bosch, quen explicou que a súa recuperación segue adiante coa implicación na fachada do Berbés.
Vigo, 23 de xaneiro de 2014.- A delegada da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, presentou hoxe na 34º Feira Internacional de Turismo, FITUR, as actuacións que o organismo segue levando a cabo no barrio e destacou “o equilibrio entre a modernidade e o patrimonio histórico” que sempre busca o organismo en cada rehabilitación, mantendo sempre os elementos patrimoniais coma lareiras ou fachadas.
No stand de Turgalicia e baixo o nome “Vigo: Patrimonio Histórico e Natural”, Bravo Bosch trasladou aos asistentes presentes a labor desenvolvido polo CCVV dende os seus inicios e que recentemente foi premiada na XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU) polo seu bo facer no que a transformación urbana se refire. O prestixioso galardón foi recibido o pasado 14 de novembro durante un acto celebrado en Madrid.
“O traballo feito no Casco Vello conseguiu o único premio a nivel nacional no que a revitalización e transformación do centro urbano se refire. É un orgullo para a cidade”, sinalou, lembrando a antiga imaxe de degradación que, na actualidade, é ben distinta. “Estanse a crear moitas sinerxias e o novo barrio histórico se está a repoboar de xente nova”, dixo e explicou que a súa recuperación segue adiante coa implicación na fachada do Berbés.
A máxima responsable do organismo –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- indicou que “estamos a recuperar inmobles en ruínas do Casco Vello para logo vender aos mozos e mozas a través de réxime de Vivendas de Protección Autónomica (VPA), onde o prezo fixado por metro cadrado é de uns 1.300 euros”, invitando aos presentes a que o visiten: “O Casco Vello é un lugar para ir a visitar e pasear”, recomendou.
Xunto á promoción do CCVV, Bravo Bosch falou ademais das potencialidades do patrimonio histórico e natural que teñen tanto o Casco Vello de Vigo coma o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, especialmente as Illas Cíes, para a promoción turística nacional e internacional de Vigo. Lembrou a súa relación co turismo de mar pola súa cercanía ao Porto e a Ría facendo especial fincapé na recente apertura da nova sede e Centro de Interpretación e de Visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia noutro inmoble histórico do Casco Vello, o edificio Cambón.
Coma explicou, os seus visitantes poden “teletransportarse ata as Illas Cíes antes de coller o barco e trasladarse ata a mellor praia do mundo, a de Rodas, segundo considerou o periódico británico The Guardian”. A delegada puxo así en valor a riqueza paisaxística, natural e patrimonial das Illas Cíes, “un verdadeiro paraíso natural que merece a pena coñecer”.