Bravo Bosch entregou as chaves doutro piso de protección e, tras o último sorteo do IGVS, serán 58 as familias que residan xa no barrio histórico nas vivendas rehabilitadas polo CCVV

  • O adxudicatario converteuse no propietario do piso 1ºA pertencente á promoción San Sebastián 8-12-14 que conta cunha superficie de 45,3 m2, cun dormitorio e un prezo de 63.180,82 euros (sen IVE).
  • Trátase doutra das VPA que o organismo pode adxudicar de forma directa, logo de superarse os prazos legais establecidos. Ao igual que o resto dos pisos, o entregado esta semana tamén contou cunha importante rebaixa, en concreto, de máis de 17.100 euros do seu prezo inicial.
  • Cando remate o proceso de adxudicación das 12 vivendas de protección sorteadas este martes polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), xa serán 58 as familias que residan nos pisos rehabilitados e postos no mercado polo organismo.

 

Vigo, 21 de setembro de 2013-. A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, fixo entrega esta semana doutra Vivenda de Protección Autonómica (VPA), concretamente, o 1ºA da promoción San Sebastián 8-12-14 e que, xunto aos pisos sorteados o pasado martes por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), permitirá que sexan xa 58 as familias que residen nos inmobles rehabilitados polo organismo.

O acto, celebrado nunha notaría da cidade viguesa, serviu para a formalización da escritura e da hipoteca desta VPA adxudicada de feito directo, tras superarse os prazos establecidos. Trátase do cuarto piso entregado nos últimos meses tras a importante rebaixa nos prezos iniciais, unha decisión adoptada polo Consello de Administración do CCVV coa intención de facilitar aínda máis a chegada de novas familias ao barrio histórico nos actuais tempos de crise.

No caso desta última VPA entregada pola presidenta do organismo –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- é un piso que conta cunha superficie de45,3 m2e dispón dun dormitorio e atópase na parte alta do Casco Vello, na mítica rúa San Sebastián. O seu prezo final foi de 63.180,82 euros (sen IVE), fronte aos 80.369,52 euros (sen IVE), con que o aforro tras a rebaixa aplicada foi de máis de 17.100 euros.

Bravo Bosch aproveitou a entrega de chaves para agradecer ao seu novo propietario a súa aposta decidida polo Casco Vello coa que xa forma parte da labor de dinamización do barrio que lidera o organismo dende a súa creación en 2005.

Na actualidade, o CCVV pode adxudicar de feito directo entre as persoas que así o desexen un total de 6 VPA. O único requisito é que os futuros propietarios estean inscritos previamente no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta no réxime de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado, no apartado de compra. Os pisos están emprazados nas promocións da rúa Ferrería 11-13-15-17/San Sebastián 1-3-5-7 (5 VPA) e da Santiago, 19 (1 VPA). O prezo fixado do metro cadrado útil destas vivendas rehabilitadas polo organismo é agora de 1.394,72 euros/m2, fronte aos 1.773,72 euros/m2. 

 

Características das 6 VPA  dispoñibles aínda mediante adxudicación directa: 

 

Ferrería 11-13-15-17/San Sebastián 1-3-5-7 (5 vivendas):

Semisoto A: 2 dormitorios, 81,55 m2. Prezo: pasa dos 144.466,87 euros (sen IVE) aos 113.739,42 euros (sen IVE) de agora. Aforro: máis de 30.700 euros.

Baixo A: 2 dormitorios, 81,95 m2. Prezo: pasa dos 145.356,35 euros (sen IVE) aos 114.297,30 euros (sen IVE) de agora. Aforro: máis de 31.000 euros.

Semisoto B: 1 dormitorio, 56,5 m2. Prezo: pasa dos 100.392,55 euros (sen IVE) aos 78.941,15 euros (sen IVE) de agora. Aforro: máis de 21.400 euros.

Baixo B: 1 dormitorio, 59,5 m2. Prezo: pasa dos 105.536,34 euros (sen IVE) aos 82.985,84 euros (sen IVE) de agora. Aforro: máis de 22.500 euros.

1ºB: 1 dormitorio, 61,4 m2. Prezo: pasa dos 108.906,41 euros (sen IVE) aos 85.635,81 euros (sen IVE) de agora. Aforro: máis de 23.200 euros.

-Santiago 19 (1 vivenda):

1º: 1 dormitorio, 66,1 m2. Prezo: pasa dos 117.242,89 euros (sen IVE) aos 92.190,99 euros (sen IVE) de agora. Aforro: máis de 25.000 euros.

Por outra banda, tras o sorteo dos 12 pisos de protección que sorteou o IGVS, o persoal do CCVV segue adiante co proceso aberto para contactar cos adxudicatarios dos mesmos e que pertencen as promocións emprazadas na Ferraría 25-27-29 (5 vivendas), Ferraría, 31 (1 vivenda) Canellón do Estreito, 12 (2 vivendas) e Ferraría 33-35 (4 vivendas). Todos eles contan tamén con rebaixas no seu prezo inicial. O desconto máis importante é de 44.000 euros e corresponde a unha vivenda de tres dormitorios emprazada na promoción Ferraría 25-27-29-31.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.