Bravo Bosch congratúlase da inauguración doutra tenda nun dos locais comerciais do CCVV
- A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) estivo presente no estreo dun novo establecemento sito na rúa Abeleira Menéndez 13-15
- Con A Horta de Abeleira xa son cinco os locais comerciais rehabilitados polo organismo que están completamente operativos no barrio histórico
Vigo, 8 de marzo de 2013.- A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, asistiu esta tarde ao acto de inauguración da A Horta de Abeleira, unha nova tenda de alimentación ubicada nun dos locais comerciais rehabilitados polo organismo.
Acompañada polo xerente do CCVV, Alfonso Ramos, Bravo Bosch congratúlase desta nova apertura comercial na rúa Abeleira Menéndez 13-15, onde xa están completamente operativos dous negocios máis: A Tenda do Avó e a galería de fotografías de Javier Teniente.
Xunto á apertura desta tarde, xa son cinco os baixos comerciais ocupados por novos emprendedores en réxime de aluguer que están a axudar á verdadeira dinamización do barrio histórico.
Actualmente o CCVV tén a disposición outros 12 locais comerciais esperando novos proxectos empresariais. Os mesmos están sitos nas rúas Real, Abeleira Menéndez, Ferrería e San Sebastián. As súas superficies oscilan entre 98,80 metros cadrados e 28,06 m2 e os prezos de aluguer, segundo os valores de taxación e en función da superficie de cada un deles, van entre os 500 e os 150 euros ao mes.
Os emprendedores interesados deben presentar proxectos empresariais acordes coa filosofía de rehabilitación do Consorcio e sempre co fin de preservar a convivencia cidadá. Ademais se beneficiarán, durante os dos primeiros anos de arrendamento, dunha bonificación do 50% do seu importe. A maiores, os contratos terán unha duración máxima de 5 anos, cunha opción de compravenda transcorrido un ano dende o efectivo desenvolvemento da actividade empresarial.