Bravo Bosch acompaña ao COAG e a máis dun cento de cidadáns no seu percorrido polo conxunto das rehabilitacións do CCVV, no Día Mundial da Arquitectura
- A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) foi invitada pola institución nesta visita pola zona alta do barrio histórico e cuxa revitalización e transformación recibiu recentemente o XII Premio Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU).
- Xunto ao presidente da delegación viguesa do COAG, Antonio Davila, e profesionais do sector da arquitectura e máis dun cento de cidadáns, Bravo Bosch formou parte desta iniciativa coa que se quere poñer en valor o traballo levado a cabo polo organismo, que busca deixar atrás a imaxe dunha zona urbana degradada e afondar na función social da arquitectura.
- O roteiro organizado polo COAG comezou no Paseo de Alfonso e seguiu pola emblemática rúa Ferraría onde o Consorcio rehabilitou varios inmobles nos números 25-27-29-31-33 e 35. Tras visitalos, os asistentes coñeceron as obras que se están a acometer no cuarteirón Castelo San Sebastián e tamén visitaron algunhas vivendas en Ferraría-San Sebastián para rematar o percorrido nos locais comerciais da rúa Abeleira Menéndez xa abertos e que foron postos no mercado en réxime de aluguer.
Vigo, 7 de outubro de 2013.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, participou hoxe no roteiro polo barrio histórico organizado pola delegación viguesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) co que a institución quere recoñecer unha vez máis a labor rehabilitadora do organismo. Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Arquitectura, a iniciativa consistiu nun percorrido polo conxunto das intervencións e rehabilitacións levadas a cabo na parte alta do Casco Vello coas explicacións correspondentes dos seus arquitectos.
Xunto ao presidente do COAG en Vigo, Antonio Davila, e distintos profesionais do sector así coma máis dun cento de cidadáns, Bravo Bosch quixo formar parte deste acto no que os participantes coñeceron de primeira man o traballo de revitalización e transformación da parte alta do Casco Vello liderado polo CCVV –participado nun 90% pola Xunta de Galicia en un 10% polo Concello de Vigo- e que, ademais, recibiu recentemente o prestixiosoXII Premio Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU).
Dende o COAG, o seu presidente destacou o bo facer do Consorcio non so para esquecer a imaxe de degradación que acompañou durante décadas ao barrio histórico vigués, senón polo seu esforzo e aporte á función social da arquitectura. Pola súa banda, a máxima responsable do organismo aproveitou para agradecer publicamente a aposta das novas familias que xa residen nas vivendas de protección do barrio histórico, así coma dos emprendedores que decidiron montar a súa actividade empresarial nos locais -tamén rehabilitados polo organismo- e as administracións públicas que xa están emprazadas no mesmo ou chegarán proximamente.
A visita polo Casco Vello comezou no Paseo de Alfonso e seguiu pola emblemática rúa Ferraría onde o CCVV rehabilitou varios inmobles, concretamente, os situados nos números 33-35 e nos números 25-27-29-31. Tras visitalos, os asistentes coñeceron ademais as obras que se acometen na actualidade no cuarteirón Castelo de San Sebastián, pertencente a intervención San Sebastián 4-6/Subida ao Castelo 5-7. Tamén viron algunhas das vivendas aínda baleiras no cuarteirón Ferraría-San Sebastián e que tamén recibiu o Premio do COAG, no apartado de vivenda, pola súa moderna e innovadora rehabilitación en dita zona da parte alta do barrio histórico.
Durante o percorrido, os arquitectos responsables de cada unha das intervencións fixeron una detallada explicación do seu traballo de rehabilitación destacando a complexidade das mesmas e a calidade conseguida tras o traballo desenvolvido. Por último, os asistentes a este roteiro tamén visitaron os locais comerciais da rúa Abeleira Menéndez xa abertos e que foron postos no mercado en réxime de aluguer por parte do Consorcio.
Actualidade do Consorcio Casco Vello de Vigo Ata o de agora, o CCVV adquiriu 64 inmobles, dos cales 34 xa foron totalmente rehabilitados, o que se traduce na consecución de 20 locais comerciais e 77 vivendas -60 para venda, 12 para aluguer e 5 para realoxos-.
Na actualidade hai 6 inmobles cuxas rehabilitacións están en execución, para dar lugar a 14 vivendas e 3 locais comerciais. En canto aos 11 inmobles cuxas rehabilitacións están en fase de proxecto, deles sairán outras 27 vivendas e 7 locais comerciais. Por último, 6 inmobles adquiridos están a espera do correspondente proxecto. Ao longo destes anos, outros 7 inmobles foron transmitidos a outras institucións, en concreto, un á Xunta de Galicia para o Servizo de Notificacións e Embargos, 4 para os Rexistros da Propiedade e 2 para o Concello de Vigo.