Asinado o Convenio para a creación dun edificio da Universidade de Vigo no Casco Vello

O convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade de Vigo para a instalación dunha sede da entidade educativa na zona do Berbes do Casco Vello de Vigo, foi asinado o pasado 29 de abril, nun acto que contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

O convenio subscrito entre o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o Reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato permitirá a instalación nos edificios situados nos números 11, 13 e 15 da Ribeira do Berbés dunha sede institucional da Universidade, así como dunha área destinada á I+D, grazas á cesión que o Consorcio Casco Vello fai á Universidade de Vigo destes espazos durante un período de corenta anos.

BERBES UNIVERSIDAD
edificio berbes

O Delegado da Xunta en Vigo e presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo, Ignacio López-Chaves, destacou na súa intervención no acto a importancia que esta colaboración institucional terá para reverter a situación de deterioración da zona do Berbés e continuar co labor de rexeneración que o Consorcio vén desenvolvendo desde a súa creación fai dez anos. Nesta mesma idea insistiu o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que se referiu á importancia da recuperación da fachada marítima da cidade.

As obras que se desenvolverán nos edificios 11, 13 e 15 da Ribeira do Berbés durante os dous próximos anos, cun custo aproximado de dous millóns de euros, permitirán a creación de espazos multiusos de carácter institucional e de apoio ao labor docente -escola de idiomas, salas de actos e de reunións, talleres de I+D-  e contribuirán de forma decisiva á dinamización social da zona.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.