As rúas do Casco Vello comezan a prepararse para a Reconquista
A Reconquista, a festa viguesa por excelencia, está xa a vista de fin de semana- tras o seu adiamento este ano para non coincidir coa Semana Santa- e coa motivación engadida este ano de conseguir a repercusión necesaria para alcanzar a categoría de festa de interese nacional.
As rúas do Casco Vello comezan xa a mostrar parte da decoración que engalanará fachadas e balcóns para celebrar a primeira derrota dun continxente napoleónico grazas ao sacrificio da poboación viguesa e dos seus heroes Almeida, Cachamuiña ou Carolo. Tamén desde hai uns días pódese visitar na sede da Casa da Cultura Galega, na praza da Constitución, a mostra “ Tecendo a nosa Historia”, que ata o quince de abril expón unha moi interesante colección de roupa tradicional galega, que pretende dar a coñecer tanto a forma como se vestían as clases populares de principios do século XVIII, como o proceso de elaboración das mesmas, destacado sobre todo a importancia do liño como a súa principal materia prima; un tecido que se caracteriza pola súa gran resistencia e pola súa comodidade, especialmente en períodos calorosos xa que permite unhas confeccións moi frescas.
Por outra banda, hoxe mesmo comezan os ensaios xerais das distintas representacións que terán lugar os próximos días 7 e 8 de abril e que conmemoran os principais acontecementos daquelas dramática e intensas xornadas. Con tal motivo esta tarde a partir das oito da tarde os participantes na recreación destas escenas concentraranse na Praza da Constitución para poñer a punto todos os detalles da mesma; o ensaio repetirase o vindeiro mércores. Tamén, como acto previo á gran celebración do fin de semana, o xoves 5 serán os nenos os protagonistas da “ Reconquistiña” e decenas de rapaces procederán á expulsión simbólica das tropas francesas do Casco Vello, nunha actividade que se consolida ano a ano e que conta co apoio de varios centros educativos aos que desde hai varios días acoden representantes da organización destes actos para explicar aos rapaces as circunstancias e o desenvolvemento dos feitos históricos que se conmemoran en Vigo.