Antonio García Teijeiro conversará mañá ao redor da súa obra na sede de Évame Oroza
O escritor Antonio García Teijeiro participará mañá, mércores 22 de xaneiro, nunha conversación coa xornalista e escritora María Xosé Porteiro e o editor Xabier Romero ao redor da súa obra “Sentado diante da fiestra”, publicado por Editorial Elvira. O acto, que terá lugar na sede da asociación cultural Évame Oroza no Casco Vello, localizada na rúa Subida á Costa 5, a partir das oito da tarde, permitira coñecer máis en profundidade o contido desta obra, un recompilatorio de 50 artigos publicados no suplemento “Estela”, do Faro de Vigo, e un máis dedicado ao Centenario do Real Club Celta.
Neste monllo de textos, Antonio García Teijeiro expón boa parte dunha vida a través duns artigos que nacen da reflexión sobre a sociedade e sobre as artes. Para o autor, o mundo dos libros, da lectura, do deporte, da lingua ou da música son fundamentais para comprender a súa obra literaria e o seu compromiso persoal nun mundo complexo e contraditorio. E, ademais, son unha aproximación moi clara ao seu pensamento tanto social coma cultural, en que artistas, músicos,
escritores, cancións e literatura están presentes, sempre relacionados coa forma de ver certas realidades máis alá do que temos diante.